Este sábado día 20, a partir das 16,30 horas, celebrarase na Casa da Cultura de Baltar unha palestra titulada “Paisaxe e Territorio” na que intervirán Ana Varela, avogada da Asociación ecoloxista Petón do Lobo; Vitor Afonso, da asociación PNB (Povo e Natureza do Barroso) de Montalegre (Portugal), e Antón Araúxo, membro da Comunidade de Montes do Couso, no Baixo Miño (Pontevedra).
A charla, e posterior coloquio, tratará sobre as loitas en defensa do territorio, cos exemplos da contestación no país á invasión eólica -que segue ameazando á serra do Larouco- e á explotación mineira no Barroso, representadas ambas por Petón do Lobo e a PNB, e as alternativas a un territorio despoboado a partir do aproveitamento diverso do monte e respectuoso co medio que representan os comuneiros do Couso.
“Paisaxe e territorio”, organizada por Stop Eólicos Xurés Celanova, o Movemento Ecoloxista da Limia e o Club Parapente Baltar, é a primeira das actividades do que pretende ser un calendario mensual durante todo este 2024 de propostas para a posta en valor do Larouco e o Val do Salas, unha iniciativa de veciñas, veciños e colectivos que se agrupa baixo a denominación “Os meses do Larouco”.
O ciclo está a programar andainas deportivas, roteiros culturais, actividades de escalada, de observación de aves ou das estrelas aproveitando todas as potencialidades da serra e do val. Para o mes de xullo está prevista a celebración en Baltar do Campionato de España de Parapente, así como doutras competicións da disciplina, que conta no Larouco cun escenario privilexiado.

Pingback: Vén coñecer algo máis do Val do Salas – Stop Eólicos Xurés Celanova