Este 20 de decembro, colectivos ecoloxistas e plataformas veciñais lanzaron un comunicado de rexeitamento da Axenda Mineira da Xunta por criminalizar a sociedade civil.
Stop Eólicos Xurés Celanova e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) adhírense a esta protesta que esixe da Xunta a retirada do documento porque vulnera os principios de neutralidade e obxectividade da administración. E súmase á denuncia da estratexia da Xunta de fomentar o ‘lawfare’ contra as organizacións sociais e ampara unha campaña descarada de proselitismo e propaganda en centros educativos
O comunicado di:
Máis de 100 entidades ecoloxistas, veciñais, sindicais, agrarias e do mar veñen de denunciar publicamente a “Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia 2030” que lanzou este mes a Xunta de Galicia. Censuran a visión totalmente tendenciosa do documento que criminaliza os colectivos que veñen sacando á luz as ilegalidades do sector mineiro. Para as entidades asinantes, a Axenda evidencia a captura total da Xunta polo lobby mineiro e desacredita a Administración ao vulnerar os principios de neutralidade e obxectividade, polo que esixen a súa retirada inmediata.
Ao longo do documento, noméase repetidamente o “ecoloxismo radical” e o “forte activismo das asociacións ecoloxistas” ou a “utilización da minaría como arma en Galicia” como “ameaza”, mentres se critica a existencia dunha “mobilización social promovida por grupos con intereses moi distintos aos intereses locais e do entorno”, en alusión aos colectivos sociais opostos a determinados proxectos ambientalmente nocivos. Se ben a Axenda indica que para a súa elaboración se mantiveron reunións e entrevistas con representantes de “asociacións ambientalistas”, ningunha das entidades que veñen de censurar o documento participou.
Para os colectivos sociais, a adopción da Axenda Mineira pola Xunta é un ataque frontal ao estado de dereito, pois parte de que a participación social e a cidadanía ambiental activa son unha ameaza para a sociedade. Ao presentar como un problema serio os colectivos ecoloxistas, veciñais, agrarios e do mar que veñen denunciando as ilegalidades das empresas mineiras e da propia Xunta, preténdese claramente socavar a súa lexitimidade e apoio social criminalizándoos.
Pola contra, a Axenda omite o impacto ambiental que causan as mineiras, con ducias de expedientes sancionadores afectando tanto á minaría metálica en casos como os Touro, San Finx, Penouta ou Varilongo como a explotacións de lousa, minerais industriais, caliza ou áridos. Boa parte destas ilegalidades saen á luz e acaban por ser sancionadas precisamente pola denuncia de colectivos sociais, ante a pasividade e cumplicidade da Administración galega, que agora cualifica estes colectivos como unha grande “ameaza”.
O lanzamento da Axenda e esta criminalización da oposición a determinados proxectos mineiros dase precisamente nun contexto no que tanto as empresas mineiras como o propio lobby veñen utilizando cada vez máis o ‘lawfare’ e as accións estratéxicas contra a participación pública (“SLAPP”, nas súas siglas en inglés) para tentar desmobilizar os colectivos sociais mediante o acoso xudicial. Os colectivos asinantes denuncian este tipo de prácticas utilizadas en casos como os da canteira de Cementos Cosmos en Triacastela, as minas de San Finx e Varilongo ou, recentemente, pola propia Cámara oficial Mineira.
Inxección de fondos públicos e promoción da enxeñaría social
A Axenda desprega un plan meticuloso para influír nas percepcións sociais da minaría, ocultando as súas negatividades e presentando unha imaxe irreal, centrándose sobre todo nas máis cativas. Así, contempla unha “campaña divulgativa nos centros educativos” e a promoción do lavado de cara verde a través do portal de propaganda “Minaría Sostible de Galicia” da Cámara Oficial Mineira. Con estas accións, que tamén inclúen o lanzamento dun “distintivo de sustentabilidade”, a Xunta pretende precisamente desarticular a oposición social procurando silencio fronte ás ilegalidades do sector.
A estratexia tamén contempla unha inxección de fondos públicos sen precedentes ao lobby mineiro, encabezado pola Cámara Oficial Mineira, e que xa recibiu millóns de euros para accións de lavado de cara verde nos últimos anos. Desde os colectivos asinantes, demandan que, pola contra, estes fondos se dediquen a fortalecer a capacidade e profesionalidade dos distintos servizos de inspección e control do sector mineiro e á restauración das numerosas explotacións abandonadas que supoñen un risco para a saúde das persoas e dos ecosistemas.