Xinzo di ‘NON’ ao macrocomplexo que tramita o Miteco para GreenVolt

COMUNICADO DE PRENSA DE STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA DO 18 DE SETEMBRO DE 2023.

O Concello de Xinzo reiterou hoxe a súa demanda dunha moratoria eólica na Limia, acordada en sesión plenaria o 27 de decembro do ano pasado, e manifestou o seu rexeitamento ao macrocomplexo eólico a trámite no MITECO que pretende chantar 32 aeroxeradores na Limia Alta con graves impactos á paisaxe, ao patrimonio natural e cultural e as augas.

O Concello de Xinzo comprometeuse á informar á veciñanza das características e riscos do proxecto que ameaza o territorio, ao tempo que elabora alegacións contra o mesmo. Unhas alegacións que, segundo informou o alcalde, Amador Díaz (AXIL) están xa listas e ás que se convidou a sumarse aos Concellos de Trasmiras, Sarreaus, Vilar de Barrio e Vilar de Santos. Estes dous últimos xa mostraron a súa predisposición.

A iniciativa partiu dunha moción do BNG que hoxe defendeu o seu portavoz, Camilo Vila, subliñando os riscos que representa para a saúde e as economías das veciñas e veciños un macropolígono con aeroxeradores de 240 metros de altura. O PSdeG de Elvira Lama asumiu a proposta e convidou aos grupos de goberno (PP e AXIL) a se sumar a mesma, despois de que baixo o seu mandato, en decembro pasado, Xinzo de Limia fose o primeiro concello de Ourense en demandar unha moratoria eólica.

Stop Eólicos Xurés Celanova agradece esta toma de posición da corporación municipal de Xinzo de Limia, para botar o freo na proliferación de macroeólicos na comarca da Limia. Especialmente a Camilo Vila e Elvira Lama, que en representación do BNG e do PSdeG se teñen manifestado sen ambaxes e apoiando firmemente as demandas da plataforma.

Stop Eólicos Xurés Celanova INFORMA de que despois do rexistro a semana pasada de 265 alegacións, nos próximos días levará a rexistro outras 350, mentres seguen abertos os puntos de recollida en Xinzo, Vilar de Santos, Bande e Celanova nos lugares dos que se informa nas nosas redes, e que este xoves está previsto instalar una mesa informativa en Celanova coincidindo coa feira semanal.

Stop Eólicos Xurés Celanova LEMBRA que o macropolígono que afecta A Limia fai parte dun complexo que inclúe unha LAT, denominada Castrelo do Val_Castrelo do Miño, de 97 quilómetros con torres por riba dos 80 metros.

Esta LAT afecta aos concellos de Castrelo do Val, Laza, Cualedro, Sarreaus, Xinzo, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Verea, Celanova, Ramirás, Quintela de Leirado, Gomesende, Cortegada, Cartelle, Arnoia e Castrelo de Miño.

Segundo lle consta á plataforma, ademais de Xinzo de Limia, o Concello de Sandiás tamén presentará alegacións diante do MITECO nesta fase do proxecto.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario