Acto reivindicativo no Larouco este 30 de abril

O Club Parapente Baltar celebrou este domingo no Larouco, unha zona seriamente ameazada polos proxectos macroeólicos, unha xornada de convivencia no arranque da tempada de eventos. O Club Parapente Baltar informou de que segue á espera dunha resposta da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a quen reclamou en decembro pasado un posicionamento en defensa do espazo do Larouco como escenario desta práctica deportiva, que inclúe campionatos do máximo nivel internacional, e que quedaría invalidada para esta práctica por razóns de seguridade de se instalar os macroproxectos previstos.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, convidada á xornada, aproveitou para informar de que a campaña de crowfunding FONDO PARA A DEFENSA DAS MONTAÑAS DA LIMIA, XURÉS E CELANOVA, que remataba hoxe, cubrira dabondo os obxectivos con máis de 3.500 euros de recadación. Os fondos empezarán a ser utilizados en breve: xa está encargado un informe biolóxico sobre os proxectos San Martiño, Mistral e Tramontana que afectan precisamente ao Larouco. Ademais, a plataforma denunciou a campaña de medo e desinformación que está a desenvolver desde hai uns meses un suposto representante da empresa Four Winds (así se presenta), a promotora do complexo Mistral-Tramontana.

Stop Eólicos Xurés Celanova recomenda á veciñanza das aldeas do Val do Salas a quen este intermediario lles está a ofrecer contratos de arrendamento, baixo ameaza de expropiación, de terreos afectados pola liña de alta tensión do Xurés (que uniría o complexo Mistral-Tramonta coa subestación de Nartugy en Muíños) que non asinen documento ningún.

O trazado desa liña de alta tensión saíu a exposición pública no verán de 2021, e foi obxecto de alegación por parte da plataforma. A día de hoxe non hai información pública ningunha do estado da tramitación. Mais o enclave do macrocomplexo Mistral-Tramontana cambiou de lugar, polo que a plataforma entende que o proxecto presentado no verán de 2021 sufriu unha modificación substancial e o proceso debe iniciarse desde o principio. A liña, pois, non só non está aprobada, senón que non se pode aprobar tal e como se presentou.

Así que os contratos son “papel mollado” e os supostos alugueiros, un fraude.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario