Alegacións á LAT do Larouco: afección severa á paisaxe, agrava a desfeita nos solos e invade o hábitat do lobo

Documento en PDF co modelo de alegación de Petón do Lobo: aquí.

Resumo e comentario das alegacións elaboradas pola asociación ecoloxista Petón do Lobo conta o proxecto da liña de evacuación eléctrica do parque eólico San Martiño LAT 132 kV SET PE San Martiño-SET Larouco que promove Iberdrola:

A paisaxe.

A infraestrutura decorre en paralelo á liña de 49 aeroxeradores que Iberdrola chantou no P.E. do Larouco, agravando as afeccións á paisaxe e incumprindo o Convenio Europeo da Paisaxe (2007) dado que non se deu lugar durante o proceso a ningún tipo de participación da veciñanza.

“Non se poden transformar unilateralmente por mor do interese dunha empresa as paisaxes agrarias e forestais e o medio de vida das familias en paisaxes industriais e polígonos eólicos que só benefician a empresas como é o presente caso”, advirten desde Petón do Lobo.

O Consello da Cultura Galega vén de se pronunciar sobre as afeccións á paisaxe, lembrando o exposto no Convenio Europeo da Paisaxe e recollido nas Directrices da Paisaxe de Galiza en canto a necesidade de revisar o Plan sectorial eólico. Mentres este Plan non se avalíe e actualice, o Consello da Cultura Galega recomenda impoñer unha moratoria sobre todos os proxectos en tramitación polas afeccións destas infraestruturas (polígonos e liñas de evacuación) sobre a paisaxe, entre outras cuestións.

Chans e augas.

O proxecto eólico parque eólico San Martiño e a LAAT DE EVACUACIÓN “son incompatíbeis cos usos e a fertilidade actual dos chans”, advirten os ecoloxistas. As cimentacións do parque xunto coa remoción de toneladas de terra previstas para a súa implantación, alteran de forma irreversíbel a cuberta vexetal e os recursos hídricos, producindo erosión da cuberta vexetal, subliñan. E lembran, os chans son “un recurso natural non renovable e finito”.

Hai pouco máis dun ano, un grupo de científicos españois, a través dun artigo na revista Science, demandou do Estado español a adopción dun “enfoque máis cauteloso para evitar un escenario no que o cumprimento de obxectivos enerxéticos se faga a costa da biodiversidade”. Até hoxe, ningún artigo científico contradixo esta advertencia, mais a Administración e as corporacións enerxéticas continúa a ignorala.

Existen varios humidais, brañas e charcas afectadas pola instalación dos aeroxeradores, sostén Petón do Lobo, e engade: “a mercantil promotora non menciona as brañas afectadas polos aeroxeradores: brañas do Corgo, brañas da Seínza, brañas do Chao da Lama, brañas do Corgo das Lamas, brañas da Randiña.

Tamén indican que a empresarial obvia regatos como o que nace na paraxe da Cruz nun estudo hidrolóxico que ademais esquece regatos como o do Caneiro, río da Rousía, regato de Forcadas, Corgo da Mina, regato Poleiro, río das Xugadas, regato do Carballo, regato da Seínza, regato da Rousía ou dos Campelos, regado da Ponte da Pedra, regato Levenizas, a presa de Gudín, e o regato do Castelo.

Mapa elaborado por Monfero di NON. https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1EwGtiUVm7IghCoajWFXSB4KN6XU_ft_5&ll=41.94176138540153%2C-7.658123562641088&z=16

Impacto sobre o lobo.

O proxecto afecta directamente a zonas de encame e puntos de encontro da especie, mais non se segue o criterio dos expertos que recomendan consultar as fontes dispoñibles acerca da presenza de mandas de lobos na zona. Hai evidencias, mesmo na toponimia, da presenza do lobo nesta área. E é sabido que as infraestruturas eólicas fragmentan os hábitats das especies producindo prexuízos significativos nunha especie de marcado carácter territorial.

Desde Petón do Lobo apelan ao Convenio de Berna relativo á Conservación da Vida Silvestre e o Medio Natural de Europa (1979), que inclúe o lobo no Anexo II “Especies de fauna estritamente protexidas”. A maiores, o artigo 56 da Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade establece a protección para todas as especies amparadas por tratados e convenios internacionais.

Sinerxías perversas.

A infraestrutura proxectada, considerada no conxunto de plans de explotación eólica desta zona, contribúe á expulsión de poboación. Nesta área delimitada ao norte pola Limia e ao sur polo Xurés-Gerês e a Serra do Larouco, están planificadas ou en funcionamento as seguintes infraestruturas: polígono eólico Mistral, polígono eólico Tramontana, LAT a 132 KV desde a subestación Tramontana até a subestación de Salas (11,1 quilómetros), polígono eólico Larouco I e Larouco II, polígonos eólicos Serra de Gomariz e Lamas de Feás, polígono eólico de San Martiño, e 76 quilómetros de liñas de baixa tensión.

A existencia de sinerxías entre todas estas infraestruturas está recoñecido no propio proxecto para o polígono eólico San Martiño que presentou Iberdrola hai pouco máis dun mes.

As poboacións.

Petón do Lobo advirte tamén dunha afección severa e irreversíbel ao benestar das familias que viven, residen e traballan nos núcleos rurais afectados: Gudín, San Lourenzo de Niñodaguia, Santa María de Lucenza, Texós, O Bouzo, Baltar, Santiago de Garabelos, Gomariz, Santo Antoíño, Montecelo, Vilamaior de Boullosa, Sendín, San Martiño de Peros, Sabucedo de Peros…

2 comentarios sobre “Alegacións á LAT do Larouco: afección severa á paisaxe, agrava a desfeita nos solos e invade o hábitat do lobo”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario