“En Galicia, dúas décadas despois da Directiva 2001/42/CE, o sector eólico continúa regulado por un plan non avaliado, no que os aspectos medioambientais (no amplo concepto de ambiente que define a directiva) non foron tidos en conta na preparación e adopción do Plan e, polo tanto, o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia está sometido unicamente á avaliación ambiental, insuficiente e imperfecta, do impacto dos proxectos, manténdose así o déficit de protección medioambiental que a Directiva pretendeu emendar”, di o INFORME DA COMISIÓN TÉCNICA TEMPORAL SOBRE ENERXÍA EÓLICA E PAISAXES CULTURAIS EN GALICIA, feito público onte polo Consello da Cultura Galega [ver informe completo en PDF ao final deste texto].
O texto é moi crítico coa política de implantación eólica da Xunta de Galiza e subliña especialmente as eivas no procedemento de participación cidadá: “a participación social nos procedementos de tramitación dos proxectos se ve moi limitada e, ademais, esixe adoptar un discurso científico e despregar un coñecemento técnico á hora de analizar os proxectos e interpoñer alegacións que supón unha carga moi gravosa para a defensa das reivindicacións dos particulares ou colectivos. Non se pode falar realmente da existencia de procesos de consulta pública, de procesos de debate, senón de procesos de información ao público, apenas divulgados, nos que ademais o acceso á información e á documentación é limitado, dificultoso e require especial motivación, formación e dedicación“.
Os once puntos das conclusións constitúen desde hoxe un fito na loita veciñal contra a invasión eólica:
- É prioritaria a revisión do Plan sectorial eólico de Galicia e o seu sometemento a avaliación ambiental estratéxica, no marco que as Directrices de ordenación do territorio establecen cando regulan o Plan sectorial de produción e distribución de enerxía, para:
- atender aos obxectivos sinalados nas Directrices da Paisaxe respecto dos obxectivos de calidade paisaxística;
- atender á protección dos valores culturais do territorio a través dos que a LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia recoñece o valor patrimonial do territorio; e – atender á protección dos valores naturais dos espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.
2. É necesario ampliar a Rede Natura e caracterizar as paisaxes cunha definición a maior escala e detalle. A salvagarda dos valores do territorio ante o desenvolvemento eólico actual require unha actuación proactiva da Administración na identificación, inventario e protección deses valores.
3. Respecto ao medio, cómpre salvagardar lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica, xa que coa implantación masiva dos parques eólicos se está a superar a capacidade de carga do sistema natural.
4. Verbo da cidadanía, hai que ter en conta que a construción de parques eólicos cubrindo a totalidade do territorio galego racha coa conectividade entre lugares, coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes.
5. É necesaria unha estratexia dotada de instrumentos, medios e recursos que redefina a escala de xestión na que o territorio se considera marco e escenario de xestión transversal do patrimonio cultural. Isto supón desenvolver unha nova cultura sobre o territorio como elemento aglutinador e portador de valores culturais, e garante da permanencia do patrimonio, así como mudar a visión del cun novo enfoque que permita xestionalo dunha forma integral.
6. É necesario un compromiso político coa integración ambiental do desenvolvemento eólico impedindo tácticas como a individualización de parques eólicos contiguos que comparten infraestruturas comúns, evitando analizar os seus efectos acumulativos ao avalialas por separado ou o fraccionamento dos proxectos, que se analizan como elementos illados cando deberían ser un todo único que se examinase de forma conxunta. Esa avaliación, así como as súas propias insuficiencias, provocan un alto potencial de danos ambientais e patrimoniais non diagnosticados que poden ser irreversibles pola ausencia de avaliación dos ecosistemas afectados.
7. Non se pode equiparar a participación pública coa información pública, xa que a segunda non pode substituír á primeira. A planificación dos territorios susceptibles de acoller parques eólicos debe contar coas comunidades locais polo seu coñecemento do territorio, sen furtarlles o dereito a ser parte das decisións que afectan a súa relación co territorio que habitan, segundo ampara o Convenio europeo da paisaxe.
8. Porque é incuestionable que este despregamento eólico modificaría negativamente o territorio e as súas dinámicas e xeraría unha nova paisaxe, é necesario tomar conciencia dos procesos sociais e económicos que xeran estas novas formas da paisaxe, anticipar os efectos que produciría a implantación dos parques e consideralos dentro do proceso de toma de decisións sobre un territorio pensado globalmente.
9. A curto prazo, débense mellorar moitos dos instrumentos dos que xa se dispón: a ordenación do territorio e a avaliación ambiental pódense re-deseñar e mellorar a súa función, considerando de xeito integral as múltiples afeccións que as instalacións eólicas xeran á sociedade, ao contorno ambiental, perceptivo e material, e á propia vida das comunidades.
10. A longo prazo, debe re-planificarse o modelo de desenvolvemento económico cara a unha sociedade sustentable, o que inclúe unha reflexión sobre as condicións reais de sustentabilidade das chamadas “enerxías renovables”.
11. Urxe solicitar unha moratoria na autorización de parques, para que as administracións competentes corrixan as eivas descritas no presente informe, antes de continuar coa forte expansión desta tecnoloxía enerxética. Esta proposta xustifícase xuridicamente por dous principios ambientais: o principio de precaución e o de non regresión ambiental.
A nova na prensa:
GALICIA CONFIDENCIAL: “O CCG pide unha moratoria real aos eólicos nun informe cargado de críticas á Xunta” https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/183645-ccg-pide-moratoria-real-aos-eolicos-nun-informe-cargado-criticas-xunta
PRAZA PÚBLICA: “O Consello da Cultura alerta dos riscos da “implantación masiva de parques eólicos” e urxe unha moratoria á Xunta” https://praza.gal/politica/o-consello-da-cultura-alerta-dos-riscos-da-implantacion-masiva-de-parques-eolicos-e-urxe-unha-moratoria-a-xunta
EUROPA PRESS: “El Consello da Cultura urge parar la instalación de parques eólicos hasta que la Xunta revise su plan sectorial” https://www.europapress.es/galicia/noticia-consello-da-cultura-urge-parar-instalacion-parques-eolicos-xunta-revise-plan-sectorial-20211214152059.html
LA VOZ: “El Consello da Cultura pide una moratoria para los 275 parques eólicos en trámite” https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2021/12/15/ccg-pide-moratoria-275-parques-eolicos-tramite/0003_202112S15C4991.htm