Moción para aplicar o principio de precaución no caso do Monte Grande

Mañá hai pleno da corporación municipal de CELANOVA; onte rexistrouse esta moción que pide algo moi sinxelo:

Que a Xunta actúe con coherencia, e xa que o plan sectorial eólico está en revisión e mudará o mapa de zonas de aproveitamento, que non se execute ningún proxecto de acordo ao vello mapa… e menos nunha área onde xa foron rexeitados dous proxectos nos últimos tres anos.

No caso de Celanova, o principal impacto de se levar adiante este macropolígono no Monte Grande sería o paso da Liña de Alta Tensión -18 torretas no termo municipal- nun tendido de sur a norte que atravesaría o Monte da Neve, por diante do piñeiral visíbel desde a vila, para baixar cara a Sampil, Amorociña e O Casal, cun impacto paisaxístico severo, mais, sobre todo, moi preto das vivendas. E cun impacto patrimonial crítico, xa que nesa zona están os que foron definidos como “Lugares Primitivos do Mosteiro de Celanova” no estudo arqueolóxico que se fixo no 2022 cando aquela empresa alemá promovera un macropolígono que foi rexeitado pola Xunta.

Este é outro risco a considerar, se agora a dinamarquesa Vestas conseguise o que non conseguiu Greenalia no Monte Grande no 2021-23, abriríase a porta para a invasión eólica do Monte da Neve, que segue dentro da área de desenvolvemento do obsoleto plan sectorial eólico… que a Xunta leva un ano sen ser quen sequera de iniciar os traballos para a súa actualización.

Por iso é pertinente esta moción, que simplemente reclama a aplicación do PRINCIPIO DE PRECAUCIÓN, e nesa liña seguiremos interpelando ás corporacións do concellos afectados: Bande, Verea, Rairiz, Ramirás, Cartelle e Castrelo de Miño.

Haiqueparalos!

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario