Cantanarrás reproduce, en esencia, o macropolígono Fonsanta, rexeitado ambientalmente en 2023

O macropolígono industrial eólico Cantanarrás, promovido por Tuñas Eólica —vinculada á fabricante de turbinas Vestas—, ocupa substancialmente o mesmo espazo que o P.E. Fonsanta, o macroproxecto que Greenalia Wind Power tentou instalar no Monte Grande (Bande, Rairiz de Veiga e Verea) e que a Xunta de Galicia rexeitou en 2023 mediante unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable, arquivando definitivamente o expediente en marzo de 2024.

A coincidencia non é casual: os dous proxectos comparten o mesmo monte, os mesmos concellos núcleo e o mesmo fabricante de aeroxeradores, con alturas moi similares (187 m fronte a 194,5 m). E, sobre todo, comparten os IMPACTOS CONTRA os valores ambientais que xa levaron ao rexeitamento de Fonsanta: a Reserva Internacional da Biosfera Gerês-Xurés, que cobre boa parte do territorio; especies protexidas e en risco de extinción, incluído o lobo ibérico; o humidal da Lagoa Grande, con petróglifos e hábitat de aves (sinaladamente, Águia Real); mámoas e restos arqueolóxicos; máis de 50 hectáreas de carballeira e hábitats prioritarios; e un piñeiral catalogado como Semilleiro Europeo. Todos estes elementos reaparecen, sen apenas variación, no novo estudo de impacto de Cantanarrás.

O máis grave: o EsIA de Cantanarrás, con case 1.900 páxinas, non menciona en ningún momento nin a existencia de Fonsanta nin a súa DIA desfavorable, nin a doutros dous macroproxectos veciños (Lamas de Feás e Monte da Neve) igualmente rexeitados en 2023 por motivos ambientais practicamente idénticos. Un silencio que Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova considera inasumible tratándose do mesmo territorio e dos mesmos informes técnicos, xa en poder da propia Administración.

A plataforma esixe que se incorpore ao expediente o texto íntegro daquela DIA desfavorable e que se explique, de forma motivada, por que o que era ambientalmente inviable en 2023 deixaría de sélo agora. Nos próximos días rexistraranse alegacións formais recollendo este e outros puntos do estudo.

Celanova, 8 de xuño de 2026.

ANEXO

(Primeira parte das alegacións contra o proxecto de Vestas que se empezarán a distribuír esta semana)

IDENTIDADE SUBSTANCIAL CO PARQUE EÓLICO FONSANTA E A SÚA DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DESFAVORABLE (2023)

Con carácter previo e transversal a todos os motivos posteriores de alegacións, cómpre poñer de manifesto que o territorio, os valores ambientais e boa parte dos condicionantes técnicos do Parque Eólico Cantanarrás coinciden substancialmente cos do Parque Eólico Fonsanta (expediente IN408A/2018/017, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U.), proxecto que obtivo unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) DESFAVORABLE o 16 de febreiro de 2023 e cuxo expediente foi definitivamente arquivado por Resolución do 8 de marzo de 2024 (DOG núm. 59, do 22 de marzo de 2024).

1) Identidade territorial, técnica e administrativa entre os dous proxectos

Fundamento fáctico.

O PE Fonsanta situábase nos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea (Ourense), no Monte Grande, con 12 aeroxeradores Vestas V150 (4,2 MW, 112 m de buxa, 150 m de rotor, ≈187 m de altura total). O PE Cantanarrás sitúase no mesmo Monte Grande, nos mesmos tres concellos núcleo (Bande, Verea, Rairiz de Veiga, aos que engade Celanova, Ramirás, Cartelle e Castrelo de Miño para o trazado da liña de evacuación), con 10 aeroxeradores Vestas V163 (4,5 MW, 113 m de buxa, 163 m de rotor, ≈194,5 m de altura total). Ambos os proxectos comparten fabricante de turbinas (Vestas) e área de desenvolvemento eólico de referencia (ADE “O Vieiro”), empregada como marco de cálculo dos efectos acumulativos en ambos os expedientes. A identidade non é aproximada senón substancial: mesmo monte, mesmos concellos núcleo, tecnoloxía do mesmo fabricante e alturas moi semellantes.

Fundamento xurídico.

A identidade substancial de emprazamento e deseño técnico entre dous proxectos sucesivos é un elemento xurídico relevante a efectos de valorar se as circunstancias ambientais que motivaron o rexeitamento do primeiro seguen a concorrer no segundo, conforme esixe unha aplicación coherente e non arbitraria dos criterios ambientais por parte da mesma Administración (art. 9.3 da Constitución Española, principio de interdición da arbitrariedade dos poderes públicos).

2) Coincidencia dos valores ambientais que motivaron a DIA desfavorable de Fonsanta cos xa detectados no EsIA de Cantanarrás.

Fundamento fáctico.

Segundo a información pública dispoñible sobre a Resolución de 16 de febreiro de 2023 (recollida, entre outras fontes, por La Voz de Galicia o 28/01/2023, con base nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural incorporados ao expediente), a DIA desfavorable do PE Fonsanta baseouse, en síntese, en que “a maior parte deste parque eólico estaría ubicado nunha reserva da biosfera, o parque transfronteirizo Gerês-Xurés” e nos “danos a especies protexidas ou en risco de extinción”. As alegacións veciñais de 2022 detallaron ademais, para ese mesmo emprazamento: a Reserva Internacional da Biosfera Gerês-Xurés cubrindo a maior parte do proxecto; o humidal Lagoa Grande (hábitat de avifauna e con petróglifos); o Foxo do Lobo das Covateiras e hábitat do lobo ibérico; mámoas e petróglifos diversos; máis de 50 ha de carballeira e hábitats prioritarios; un monte catalogado como Semilleiro Europeo de Pinus sylvestris; e impacto crítico sobre a visibilidade desde o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Pois ben, TODOS estes elementos reaparecen, coa mesma entidade, no EsIA de Cantanarrás xa analizado: a poligonal inclúese dentro das Reservas de Allariz e Gerês-Xurés (Anexo 6); a Lagoa Grande está a 40 m da poligonal e foi catalogada en 2024; as Zonas 1 e 2 do Plan de Xestión do Lobo coinciden coa AEIP Touzas da Saínza; a Mámoa da Gándara Chá é o único elemento patrimonial con impacto relevante; o hábitat prioritario 91E0* é afectado pola LAT; e o piñeiral de Pinus sylvestris supón o 21,4% da vexetación arborada da zona.

Fundamento xurídico.

Cando os mesmos valores ambientais que fundamentaron unha DIA desfavorable para un proxecto seguen a estar presentes, coa mesma entidade, nun proxecto posterior sobre o mesmo territorio, correspóndelle á Administración e ao promotor xustificar de forma expresa e motivada por que a valoración ambiental habería de ser distinta (art. 35 e 41 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, en relación coa esixencia de motivación e coherencia das resolucións administrativas, art. 35 da Lei 39/2015).

3) Silencio do EsIA de Cantanarrás sobre o precedente Fonsanta: omisión de información relevante e coñecida pola propia Administración.

Fundamento fáctico.

En ningún dos seis fragmentos que compoñen o EsIA de Cantanarrás (máis de 1.900 páxinas) se menciona a existencia do PE Fonsanta, do PE Lamas de Feás nin do PE Monte da Neve, os tres macroproxectos eólicos que obtiveron DIA desfavorable en 2023 sobre esta mesma comarca (Monte Grande, Monte da Neve, entre Bande, Verea e Celanova), nin se fai referencia algunha aos informes sectoriais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Patrimonio Cultural ou da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que sustentaron aquelas resolucións desfavorables e que obran no propio arquivo da Administración.

Fundamento xurídico.

O art. 45.1.a da Lei 21/2013 esixe que o EsIA se elabore con información suficiente e actualizada sobre o medio afectado. A existencia dunha DIA desfavorable recente e directamente relacionada, xa en poder da propia Administración que agora ha de resolver sobre Cantanarrás, constitúe información clave e coñecida que non pode ser ignorada nin polo promotor nin polo órgano ambiental. O seu silencio absoluto no EsIA, tratándose do mesmo territorio, é dificilmente explicable como simple descoido.

4) Solicitude de incorporación ao expediente do texto íntegro da DIA de Fonsanta e dos informes sectoriais que a sustentan.

Fundamento fáctico.

Ata a data, só se dispón do extracto procedimental da Resolución de arquivo (8 de marzo de 2024, DOG núm. 59) e do anuncio de publicación da DIA (17 de febreiro de 2023, DOG núm. 43), ademais da cobertura de prensa que resume os seus motivos principais. O texto íntegro da propia DIA e dos informes sectoriais (Patrimonio Natural, Patrimonio Cultural, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Saúde Pública, Defensa do Monte) non consta incorporado ao expediente de Cantanarrás nin é, polo momento, público de forma accesible.

Fundamento xurídico.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente (transposición do Convenio de Aarhus), recoñece o dereito a acceder á información ambiental en poder das administracións públicas, incluídos os expedientes doutros proxectos cando resulten relevantes para avaliar un novo proxecto sobre o mesmo territorio.


Monte Grande desde Verea.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario