Alega contra o polígono eólico entre Cartelle e Castrelo do Miño

ALEGACIÓNS

1. O nodo Castrelo non está destinado exclusivamente ao PE Arnoia, é punto de conexión, entre outros, para os PE Sistesas, Ventoburgo, Xestiloi, Agratrina e Agromaces, todos en trámite. Trátase dun complexo eólico interconectado que implica unha clara relación funcional entre os diferentes proxectos. A potencia total asociada aos proxectos conectados ao nodo Castrelo pode superar amplamente varios centos de megavatios de capacidade de xeración. Porén, a avaliación ambiental presentada no PE Arnoia analiza o proxecto de forma illada, sen realizar unha avaliación ambiental integrada. En consecuencia, considérase que a avaliación ambiental presentada non permite valorar adecuadamente os impactos acumulativos e sinérxicos.

2. O impacto do proxecto resulta desproporcionado e incompatible coa conservación dos valores paisaxísticos. Non se respectan os obxectivos de calidade paisaxística establecidos na Lei 7/2008 ao provocar unha alteración visual significativa nunha área paisaxística de elevado valor. O proxecto sitúase na comarca do Ribeiro, territorio incluído no Catálogo das Paisaxes, e no Corredor Paisaxístico do Arnoia, identificado na Estratexia Galega de Infraestrutura Verde. O impacto visual do proxecto non será puntual nin local, senón extensivo a unha parte moi significativa da paisaxe das comarcas veciñas. No caso da Comarca de Celanova, os aeroxeradores veríanse desde 162 núcleos de 7 concellos. En Ramirás terían aeroxeradores visíbeis desde 44 núcleos.

3. O proxecto incorpora un estudo de impacto acústico con limitacións metodolóxicas, especialmente no relativo ao ruído de baixa frecuencia e ás posibles afeccións sobre a saúde das persoas. Baséase fundamentalmente en indicadores da molestia asociada ao ruído audible convencional, pero non permiten avaliar adecuadamente os efectos do ruído de baixa frecuencia nin das vibracións aerodinámicas xeradas polos aeroxeradores. Programas internacionais como o Research on Wind Turbine Sound (RHOWS) alertan de lagoas no coñecemento sobre os efectos do ruído na saúde humana. Neste contexto, resulta relevante que o estudo presentado se basee nun número moi limitado de puntos de medición, nun período temporal moi reducido e non incorpore análise específica do ruído de baixa frecuencia, con núcleos e vivendas a menos de dous quilómetros de distancia.

4. O estudo ambiental identifica 170 especies de vertebrados na zona, das que varias están incluídas no Catálogo Español de Especies Ameazadas e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Entre elas, o Desmán ibérico, a Nutria, o Lobo, varias especies de quirópteros (Myotis, Rhinolophus e Pipistrellus), o Azor común, a Aguia real, o Aguilucho cincento, o Galápago europeo e o Galápago leproso. Os aeroxeradores constitúen un factor de risco para estas especies. A presenza de especies protexidas obriga a aplicar o principio de precaución, que non parece adecuadamente garantido nun proxecto con coincidencias territoriais cunha Zona de Importancia para los Mamíferos, o Plan de recuperación do galápago europeo, na Zona 3 do Plan de xestión do lobo en Galicia, co Encoro de Castrelo de Miño, área prioritaria para a avifauna e zona de protección contra a colisión y electrocución.

5. A avaliación do impacto turístico resulta insuficiente e minimiza a relevancia turística do territorio afectado, especialmente no que respecta ao valor patrimonial, paisaxístico e cultural da comarca do Ribeiro e dos concellos próximos. Ofrece unha ampla descrición de recursos turísticos e patrimoniais nos concellos directamente afectados, mais conclúe que o impacto neste ámbito será limitado, limitado a análise a visibilidade dos aeroxeradores e ao ruído. Non incorpora unha avaliación da percepción paisaxística do territorio dos visitantes nin analiza a interacción entre o desenvolvemento eólico e o modelo turístico baseado na valorización do patrimonio cultural e natural.

O PRAZO DE ALEGACIÓNS REMATA O LUNS 13 DE ABRIL.

PODES DESCARGAR O PDF DE 1 FOLLA (ABAIXO) E REXISTRALO TELEMÁTICAMENTE OU NUN REXISTRO DE CALQUERA ADMINISTRACIÓN. TAMÉN PODES COMPLETALO E DEIXALO NOS PUNTOS DE RECOLLIDA.

1 comentario sobre “Alega contra o polígono eólico entre Cartelle e Castrelo do Miño”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario