Desfeita paisaxística sobre o Coto Novelle

Grazas a Petón do Lobo por ter elaborado as primeiras alegacións contra o novo proxecto do PE. Arnoia.

Neste primeiro post, sinalaremos os principais impactos paisaxísticos do novo proxecto que enviou a trámite a promotora, a empresa Aratel, e no que se reducen o número de aeroxeradores e as alturas dos mesmos a respecto do proxecto inicial que combatemos entre 2024 e 2025, mais as afeccións seguen a ser severas e por iso volvemos a nos mobilizar contra a invasión eólica nas nosas comarcas.

O proxecto sitúase na comarca do Ribeiro, territorio incluído no Catálogo das Paisaxes de Galicia, que identifica paisaxes de elevado valor cultural, ambiental e territorial. O propio estudo ambiental do proxecto recoñece a existencia de áreas paisaxísticas relevantes na contorna, incluíndo as correspondentes ao Ribeiro, Baixo Arnoia e Ribeiras encaixadas do Miño e do Sil.

A instalación de aeroxeradores de grandes dimensións (rotor de 172 metros de diámetro e buxe de 114 metros) supón a introdución de infraestruturas industriais de enorme impacto visual, incompatibles coa preservación das paisaxes catalogadas. A Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia establece que as administracións públicas deben evitar alteracións que degraden a calidade paisaxística destes territorios.

Neste caso o impacto paisaxístico sería:

  • permanente
  • de grande magnitude
  • visible desde amplas áreas da comarca
Fotomontaxe publicado no EIA, sen precisar nin lugar nin distancias, sobre o que nós destacamos os eólicos con máis brillo

O Estudo de Impacto e Integración Paisaxística do Parque Eólico AMR 7 PE Arnoia recoñece que o proxecto se localiza dentro da Gran Área Paisaxística Ribeiras Encaixadas do Miño e do Sil, unha unidade territorial de elevado valor ambiental, cultural e paisaxístico definida no Catálogo das Paisaxes de Galicia.

O propio documento describe esta área como un territorio caracterizado por:

  • unha paisaxe fluvial singular dominada polo curso do río Miño,
  • vales encaixados con forte personalidade xeomorfolóxica,
  • mosaico agrario tradicional con presenza destacada de viñedo,
  • valores escénicos e panorámicos moi relevantes no contexto galego.

Esta caracterización evidencia que se trata dun territorio cunha alta sensibilidade paisaxística, onde a introdución de infraestruturas industriais de gran escala debe ser analizada con especial rigor.

Porén, o propio estudo de impacto paisaxístico recoñece que a implantación dos aeroxeradores xerará unha visibilidade extremadamente elevada no territorio. Segundo a análise de cuencas visuais incluída no documento:

  • polo menos un aeroxerador será visible desde o 44,7 % da superficie da área de estudo,
  • dous aeroxeradores serán visibles desde o 30,6 % da superficie,
  • catro aeroxeradores serán visibles desde o 33,7 % da superficie analizada.

Estes datos evidencian que o impacto visual do proxecto non será puntual nin local, senón extensivo a unha parte moi significativa da paisaxe do Ribeiro e das comarcas veciñas, afectando amplas zonas do territorio.

A seguir, unha relación cos 10 concellos máis afectados:

  1. Ramirás: aeroxeradores visíbeis desde 44 núcleos.
  2. Crecente: 43 núcleos afectados.
  3. Cartelle: 39 núcleos afectados.
  4. Gomesende: 30 núcleos afectados.
  5. Padrenda: 25 núcleos afectados.
  6. Celanova: 18 núcleos afectados.
  7. Melón: 13 núcleos afectados.
  8. Cenlle: 12 núcleos afectados.
  9. San Amaro: 10 núcleos afectados.
  10. A Arnoia: 7 núcleos afectados.

A implantación de aeroxeradores de gran altura neste contexto supón introducir elementos verticais dominantes que rompen a escala e a coherencia visual da paisaxe, converténdose en focos de atención visual permanente e alterando a percepción dun territorio recoñecido polos seus valores escénicos.

Resulta especialmente relevante que o propio documento recoñeza esta ampla visibilidade territorial, xa que iso evidencia que as medidas de integración paisaxística propostas non son capaces de evitar nin reducir significativamente o impacto visual do proxecto.

O Estudo de Impacto e Integración Paisaxística do Parque Eólico AMR 7 PE Arnoia recoñece que a análise visual do proxecto se realiza nun ámbito territorial moi amplo debido á elevada altura dos aeroxeradores e á capacidade destes elementos para ser visibles a grandes distancias.

Segundo o propio documento, para avaliar a visibilidade do proxecto considérase unha área de estudo cunha superficie aproximada de 707,3 km² arredor dos aeroxeradores, á que se engade unha área adicional para a análise da liña de evacuación, resultando unha superficie total analizada de 747,8 km².

Esta é a lista dos 25 principais elementos que sofrirían un impacto visual pola infraestrutura asociada ao polígono eólico:

  1. Gran Área Paisajística Ribeiras Encaixadas do Miño e do Sil (visíbel desde o 44,7% de súa superficie).
    Áreas de Especial Interés Paisajístico (AEIP)
  2. AEIP Baixo Arnoia.
  3. AEIP Torre de Sande.
  4. AEIP San Cibrao de Las.
  5. AEIP Pozas e fervenzas do Río Cerves.
  6. AEIP Pena Corneira.
  7. AEIP Río Deva.
  8. AEIP Castromao.
  9. AEIP Pena Gache – Serra do Leboreiro.
    Lugares de Especial Interés Paisajístico (LEIP)
  10. San Paio dos Pitos.
  11. Serra do Suído.
  12. Encoro de Castrelo do Miño.
    Miradoiros
  13. Miradoiro de Coto Novelle.
  14. Miradoiro Santiago do Viñal.
  15. Miradoiro de Guillade.
  16. Miradoiro Monte de O Castro.
    Camiños e Itinerarios Paisaxísticos
  17. Ruta De Ourense a Castelo de Ribadavia (Panorámico).
  18. Itinerario Fragas de Gorgua (Natural).
  19. Itinerario Celanova Milenaria (BIC).
  20. Itinerario Mosteiro de Melón (BIC).
  21. Ruta De Ourense a Ribadavia (Panorámico).
    Patrimonio Cultural (BIC e Catalogado)
  22. BIC Torre de Sande.
  23. Iglesia de Santa María de Castrelo de Miño.
  24. Casa Grande do Pazo.
    Espazos Naturais e Inventario de Zonas Húmidas
  25. Encoro de Frieira. Humidal.

DOCUMENTO DE ALEGACIÓNS (elaboradas por Petón do Lobo e que serven de base para o modelo resumido).

ENTREVISTA SOBRE O NOVO PROXECTO EN GALICIA.PRESS

https://www.galiciapress.es/articulo/economia/2026-03-12/5802287-erik-dobano-stop-eolicos-limia-xures-celanova-casas-proximas-eolicas-no-venden

1 comentario sobre “Desfeita paisaxística sobre o Coto Novelle”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario