Contra o abandono do rural impulsando o colectivo (Lucenza)

“O outro día viñeron dun máster universitario da Coruña ver o proxecto. E imos entrar nunha asociación de comunidades de montes quee se está creando, onde hai comunidades potentes como a de Baroña, que teñen ganado en extensivo. E a partir de aí, a ver se surxe algún outro proxecto e, sobre todo, tamén, unha das cousas que máis me gustaría… vou intentar traer visitas de colexios, non só ao noso, senón combinado un pouco con castro da Saceda”, comenta con entusiasmo Fernando Domínguez, este pasado sábado na Boullosa, no peche da xornada IDEAS CONTRA O ABANDONO na que se falou moito de incendios como o principal problema desta parte do país, e acabouse falando de futuro, dun futuro que naceu precisamente dun lume, do gran incendio do Larouco en 2015 (tres mil e pico hectáreas que hoxe, despois do do verán, parecen nada…)

O proxecto do que falou Fernando, en nome da Asociación de Veciños de Lucenza (Cualedro), consiste nun aproveitamento do comunal para a cría de gando vacún e a distribución de carne. Antes de meter os primeiros animais, a AAVV levou a cabo un intenso traballo de sensibilización, xornadas informativas e accións de reforestación. Finalmente, a proposta que se presentou á asemblea da Comunidade de Montes foi a de aproveitar unhas 100 hectáreas de terreo que estaban en desuso, caracterizadas por ser un monte arbustivo de uceiras e penedos.

A elección do tipo de gando foi adaptada á dureza do terreo. Apostaron pola vaca cachena e polo Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) polas súas capacidades para vivir e producir nese tipo de monte. Comezou cunha dimensión modesta: media ducia de vacas e media de cabalos. De feito, o documental que se gravou sobre o proxecto leva por título “13 vacas”, facendo referencia a ese momento fundacional.

Os veciños tiveron que construír a primeira manga de manexo. Co tempo, a Consellería do Medio Rural financiou o valado de 40 hectáreas, a construción dun alpendre e unha manga de manexo profesional. Un dos fitos para a comunidade foi a construción dunha nave financiada integramente pola Asociación, cun investimento que rolda os 60.000 euros. Esta infraestrutura é vital para o manexo do gando, especialmente durante o inverno.

A economía circular

O gando lévase ao matadoiro do Carballiño. A maioría da carne é consumida polos propios veciños, que teñen prioridade nunha lista de espera que chegou a ser de case un ano. Os veciños pagan 5 euros por quilo -e o resto, 7 euros- un prezo xusto que permite que o beneficio recaia na comunidade de montes para seguir investindo en melloras (auga, maquinaria, etc.).

“Cada veciño compra o que queira, pode comprar un becerro ou a metade por exemplo… o que queira para callos ou o que sexa, córtanche as pezas diante de ti no matadoiro, como queiras. E así como estamos funcionando”, explicou Fernando.

Para a alimentación do gando, ademais do monte, colleitaron o ano pasado preto de 400 rolos de palla en lameiros cedidos polos veciños e noutras zonas da veiga. Esta palla é o sustento fundamental das vacas durante o inverno, cando o monte está máis castigado polo frío e o exceso de auga.

Na actualidade contan con case 150 animais entre vacas e cabalos. “A pouca xente que tiña gando no monte, foino deixando e empezamos a ocupar outra zonas cara ao sur da aldea”, conta Fernando, que mostra no mapa a situación dos novos pastos e instalacións.

Fernando puxo sobre a mesa os numerosos obstáculos do proxecto. A orografía e os accesos dificultan o traballo, xa que a pista é empinada e non permite o paso de camións, obrigando a usar vehículos todo-terreo con remolque. O clima e os incendios son ameazas constantes, como os lumes recentes na serra, que complican o manexo do gando. Ademais, a xestión da auga supón un reto continuo.

“O proxecto está chegando agora a un punto de viabilidade económica”, asegurou Fernando Domínguez na Boullosa dentro da actividade do ciclo OS MESES DO LAROUCO, e subliñou que cara o futuro, a estabilidade económica pasa por tres eixos:

Profesionalización. O obxectivo é deixar de depender exclusivamente do traballo voluntario.

Emprego. A idea é que o proxecto poida soster, polo menos, un posto de traballo. Isto garantiría unha atención constante aos animais.

Fondos. Lucenza está intentando acceder a axudas destinadas especificamente á profesionalización de comunidades que utilizan o gando en extensivo para a prevención de incendios.

13 vacas

O documental “13 Vacas” xorde a partir da historia de Lucenza e do devastador incendio de 2015. Dous anos despois, a asociación veciñal e os comuneiros decidiron recuperar terreos comunais e introducir vacas de raza cachena para mantelos limpos e previr incendios.

A idea do documental foi impulsada polo director e guionista Rafael Cañas, con raíces familiares en Lucenza. A súa intención inicial era crear unha memoria visual do pobo e dos seus habitantes, pero o proxecto foi medrando ao descubrir o valor da experiencia comunitaria e o seu impacto ambiental e social.

O documental gravouse entre Lucenza e Cualedro. O director comezou a filmar tomas no inverno e a rodaxe principal desenvolveuse durante dúas semanas do pasado verán cun equipo de novos creadores formados en Barcelona, que conviviron no pobo e realizaron entrevistas e… topáronse tamén co lume.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario