Intervir na montaña desde o afecto de quen a respecta

Enrique Cuquejo, do Club de Voo Larouco, presentou na xornada da Boullosa IDEAS CONTRA O ABANDONO o proxecto da entidade, en colaboración cos concellos de Baltar, Cualedro, Xinzo de Limia e Montalegre (Portugal), para converter a Serra do Larouco no “referente” do parapente na Península.

O Club de Voo Larouco, a primeira entidade civil da comarca en enfrontar a ameaza dos polígonos eólicos, está a ser o gran dinamizador do desenvolvemento do Larouco en base a actividades deportivas, cultura e ocio. Foron os parapentistas, coñecedores dos valores naturais e paisaxísticos da serra, quen animaron ás institucións públicas a emprender o camiño cara OUTRO LAROUCO POSÍBEL e verdadeiramente sustentábel e ecolóxico, coa defensa das turbeiras como bandeira.

O sábado, nas charlas durante o café no Restaurante Palomín da Boullosa, Cuquejo explicou as grandes liñas do proxecto e mostrou un mapa de melloras nas comunicacións entre os distintos despegues do parapente a través da serra, e cunha salvagarda especial para as zonas de turbeiras, catalogadas hai apenas dous anos e pendentes de labores de restauración da contorna que permitan garantir a súa viabilidade no sistema hídrico da montaña e dos vales lusos e galegos.

“Estamos traballando man a man co Club Papa Ventos de Montalegre e xunto cos concellos para facer do Larouco a mellor zona de parapente da Península Ibérica”, subliñou Enrique Cuquejo no inicio da súa charla. “Comprometémonos a facer campionatos nivel 1; é dicir, campionatos do Mundo e campionatos de Europa. O próximo 20 de marzo a Federación Aeronáutica Internacional decidirá a quen lle dá o campionato de Europa de 2027. Nós presentamos unha candidatura que ten como valor engadido que é a primeira conxunta entre dous países distintos, avalada por dúas federacións distintas”.

O Europeo, engadiu Cuquejo, é “unha competición do máximo nivel deportivo, que move un orzamento por riba dos 200.000 euros e que xunta máis de 300 persoas durante quince días arredor das zonas de despegue”. Os eventos para os que xa se están a candidatar os clubs son o incentivo para que os concellos galegos e lusos da contorna da Serra do Larouco boten unha man na mellora das infraestruturas de acceso.

“Faremos unha estación de voo, que é algo máis, moito máis en realidade, que simples zonas de despegue. Estamos a falar dun proxecto que está case definido, con claridade e dinamismo. É unha moi boa noticia, porque o Larouco pode ser un exemplo para outros montes. A idea é demostrar que se pode prosperar economicamente de maneira sostible. Para isto, miramos cara á Eurocidade Chaves-Verín, que foi pioneira en dinamizar o territorio, impulsar o desenvolvemento local e cooperar entre concellos. Iso queremos facer aquí”, sostivo o directivo do Club de Voo Larouco.

“O noso socio, o club Papa Ventos de Montalegre, leva 30 anos e ten presenza na federación portuguesa. A nivel de staff técnico, temos o mellor que hai. O Larouco é fantástico polas súas condicións meteorolóxicas e con calquera orientación de vento. Xa é un referente deportivo internacional no interior de Galicia e Portugal”, apuntou.

AS INFRAESTRUTURAS

“Dentro das necesidades que presentamos, hai un proxecto potente a nivel de pistas de acceso. Queremos unha estación de voo cunha rede de comunicacións entre Montalegre, Baltar, Xinzo e Cualedro. Grazas ao Concello de Cualedro, asfaltáronse tramos críticos, pero nas zonas altas manteremos o firme de terra por sostibilidade. O obxectivo é enlazar as pistas onde temos a estación meteorolóxica para que calquera persoa poida transitar polo monte no seu coche. Trátase de facilitar un acceso seguro e ordenado”, explicou Cuquejo antes de se referir a un dos tesouros naturais da serra e elemento clave no sistema hídrico.

“Parte fundamental do proxecto é a protección da turbeira, onde nace regatos e ríos e de onde vén o abastecemento de Baltar. Hai exemplos de restauración, coma a do Monte Xalo, onde se levaron a cabo labores de rexeneración de brañas mediante a eliminación de especies invasoras e a recuperación do ciclo hídrico. Queremos que a nosa turbeira estea no só catalogada senón tamén ben protexida, que todos saibamos o que temos”, dixo Cuquejo.

E falou doutras actividades que xa se están a realizar na serra e que se verán beneficiadas coa mellora dos accesos: a observación astronómica, as rutas a pé ou en bici, a observación de aves e flora.

“O fundamental cando presentamos o noso proxecto aos concellos foi dar unha razón, un por que… A proposta ten un impacto na contorna e esperamos que tamén se empece a valorar o que temos. Para nós, un incendio no monte é como se nos queimaran a nosa propia casa. Se conseguimos crear afeccionados á natureza —cada ciclista, cada afeccionado á BTT ou ao sendeirismo—, estamos restando unha ameaza de incendio e gañando xente a favor do monte. Non podemos controlar a vontade dos pirómanos, pero o que si podemos facer é educar e mellorar o afecto que a xente lle ten ao territorio”, concluíu Enrique Cuquejo.

O proxecto dos clubs de parapente de Baltar e Montalegre ten piares ecosociais:

• O obxectivo principal é converter a Serra do Larouco no referente do parapente da Península Ibérica, aspirando a organizar campionatos mundiais e europeos. As actuacións necesarias inclúen a creación dunha estación de voo e unha potente rede de pistas de acceso. Para garantir a sustentabilidade, proponse asfaltar tramos críticos e manter o firme de terra nas zonas máis altas. 

• O proxecto conxúgase coa conservación da turbeira ao situala como a súa bandeira de sustentabilidade e peza clave do sistema hídrico. Inspírase en modelos de éxito para realizar labores de rexeneración de brañas e recuperación do ciclo da auga. Deste xeito, preténdese que a zona fique ben protexida, garantindo a viabilidade hídrica dos vales de Galicia e Portugal mentres se desenvolve a actividade deportiva. 

• A mellora de infraestruturas permite un acceso seguro e ordenado que beneficia a actividades como o sendeirismo, BTT, astronomía e observación de aves. Culturalmente, o proxecto busca a posta en valor do territorio e o fomento do afecto pola natureza. Ambientalmente, esta presenza humana organizada actúa como barreira contra os incendios, xa que cada afeccionado que goza do monte convértese nun aliado para a súa vixilancia e protección fronte ás ameazas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario