Manuel García (Movemento Ecoloxista da Limia) arrancou a súa participación na xornada IDEAS CONTRA O ABANDONO lembrando o que había e perdemos: “Tiñamos un ecosistema agrario tradicional que era unha marabilla. Esa paisaxe que coñecíamos grazas ao traballo dos nosos devanceiros, da cultura agraria, ese sistema de prados, ese sistema de prazas de labradío, ese monte que se pastoreaba, que estaba totalmente organizado. A xente antes era moi lista, sabía, digamos, as distintas vocacións de solos: o que era monte comunal era dedicados a toxo e a pastoreo; as terras máis fértiles eran dedicadas aos cultivos de patacas, de cereais, etcétera, e até as máis húmidas non as desecaban, utilizaban isto como prados… Era todo un sistema harmónico coa natureza que funcionaba. Cando se abandona ese sistema, vén o que temos”.
Na mesa de colectivos ecoloxista, celebrada o sábado na Boullosa dentro do ciclo OS MESES DO LAROUCO, o voceiro do MEL trazou un sinxelo debuxo dos usos actuais do territorio limiano: “Hoxe na maioría dos montes, o que se dá son monocultivos, son piñeiros, e noutras zonas, pois, son verdadeiros porreiros da gandaría industrial; é dicir, en Ourense, ou plantación de piñeiros ou nos dominios da gandería industrial, vertedoiros. Hai un tipo de gandería extensiva que podería ser moi positiva, pero en realidade, detrás están os xurros a correr“.
Despois, expresou a súa preocupación polo incremento das dimensións e da virulencia dos lumes nos últimos veráns, consecuencia tamén do abandono que sofre o rural. E dixo: “O que pasou este agosto vai tardar moitísimos anos en se recuperar. Outros anos quedan montes enteiros sen tocar, pero este foi un arrase total”, antes de apuntar que o feito de que non se pedise a declaración de zona catastrófica na provincia de Ourense “denota o desinterese, a falta de sensibilidade dos políticos, é gravísimo, non si?”.

O MATO
Tamén se referiu á política de rozas, da que falara Óscar Paradelo na charla precedente. En opinión do voceiro do MEL: “O mato é fundamental cando non hai outra cousa. Un monte de mato, de uces, de toxos, etcétera, é máis eficaz á hora de filtrar auga no solo que un bosque. Cando todo ese mato se queima, aínda que chova agora, logo como vén un período de seca e os acuíferos non se van recargar como cando os montes están con vexetación“.
“Hai países como Irlanda, Alemaña ou Francia onde o mato e atracción turística e é intocábel”, sinalou Manuel. “E aquí rózanse e quéimanse. Antes, ese mato era utilizado, era o fertilizante principal para as terras de cultivo. E servía de terra de pastoreo. Temos que recuperar esas técnicas agrosilvopastorís. Sairía moito máis barato que os millóns que se invisten en extinción ou que non se invisten en prevención. Hai que camiñar por aí”.
“Que se está facendo desde o Goberno da Xunta para recuperar todas estas extensións queimadas?, que efecto vai ter sobre os acuíferos o que pasou?, e sobre a posibilidade de que a xente teña auga potable no próximo verán?. Todo iso non está analizado de ningunha maneira. E iso témolo que denunciar“.
CONTRA O PESIMISMO
Manuel García combate o pesimismo. Hai posibilidades de recuperar o rural, insiste. Mais denuncia un proceso “deliberado” de desruralización.
“Estiven 17 anos de mestre, e decidín ir á aldea cando todos marchaban. É preciso quitar esa idea da cabeza de que aquí non se pode facer nada. Metéronnos esa idea a calzador durante moitos anos. A xente marchou… e mentres non se recuperen esas aldeas, vai ser imposible que funcione un restaurante, un comercio, ten que haber xente nas aldeas. E aquí houbo un plan deliberado de urbanizar, levar toda a xente para as cidades”, explica.
“Hai exemplos moi bos en Verea, en Allariz -onde se está a crear un nodo de produtores agroecolóxicos moi interesante-, en Verín, hai unha apicultura moi desenvolvida na provincia, hai cantidade de xente que está vivindo deses montes. Son actividades de economía sostíbel, respectuosa, e a eses proxectos hai que apoialos sexa como sexa. Aquí en Baltar está a xente do parapente, que son un eixo para outras actividades”.

A xornada IDEAS CONTRA O ABANDONO, subliñaba na súa presentación que o problema é o abandono: os lumes, os eólicos, as minas son o que vén despois, como foron expresando os voceiros de Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova, de Amigas da Terra e do MEL nas charlas da mañá, antes do xantar e das charlas durante o café no que se presentaron dúas iniciativas concretas de actividades no rural e das que daremos noticia mañá.
Na súa intervención, Manuel García:
- Avogou por recuperar o sistema agrario tradicional, que define como un ecosistema harmónico onde o uso do solo (prados, labradío e monte) estaba perfectamente organizado e era funcional.
- Criticou a falta de sensibilidade política por non declarar zonas catastróficas tras os graves incendios de agosto en Ourense.
- Sinalou o mato (uces, toxos, etc.) como esencial para a filtración de auga nos acuíferos, sendo máis eficaz que un bosque, e propón recuperar as técnicas agrosilvopastorís tradicionais, o que resultaría máis económico que os investimentos actuais en extinción.
- Denunciou un proceso deliberado de baleirado das aldeas cara ás cidades. Para reverter o pesimismo, propón apoiar proxectos de economía sostíbel que xa existen.
Por outra forma de xestionar o monte, frear o lume e recuperar o rural
Advirten da necesidade de coidados para as turbeiras do Larouco e outros humidais


Pingback: Intervir na montaña desde o afecto de quen a respecta – Stop Eólicos Xurés Celanova