Óscar Paradelo (Amigas das Árbores Ourense) ofreceu unha das charlas da xornada IDEAS CONTRA O ABANDONO, organizada no Restaurante Palomín (A Boullosa) polo Club de Voo Larouco e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova na primeira actividade do ciclo OS MESES DO LAROUCO este ano.
Paradelo centrouse na crise dos incendios de cada verán. “Nós diferenciamos entre culpables e responsables. O señor Rueda non é culpable de prender lume ao monte, pero si é responsable, como presidente da Xunta e do Goberno galego, do que pasa despois. Hai responsables, e o máximo responsable está en San Caetano. Logo falan de mafias. Mafias…? Eu digo que non hai constancia de que exista xente pagada para prender lume. Para min, a mafia está en San Caetano, e ese é o titular. A mafia responsable dos lumes está en Santiago de Compostela“, comezou.
“En extinción gástase o 80% do orzamento. Un 20% vai destinado á prevención. E pensarán: que pasa con ese 20%? Son cartos. Que se fixo en prevención? Nada. A prevención basicamente son rozas masivas, de 13 a 20 millóns de euros todos os anos”, explicou o portavoz de Amigas das Árbores. E engadiu: “Son cartos tirados. Porén, hai outras xestións, como favorecer realmente unha gandaría extensiva ao redor das aldeas, potenciar iso… Mais aquí toda a prevención é esa: rozas masivas, gastar cartos a cambio de nada. Para que vale rozar 50 hectáreas de monte? Para que non arda? É unha cousa absurda. Outra cousa é manter limpas as pistas, os camiños vellos, todo iso”.
Paradelo reclamou unha xestión que sexa “realmente rendible, que produza economía”. “Non é simplemente queimar combustibles rozando todo o país. É terrible pensar que, co abandono das aldeas, a solución vaia ser facer rozas masivas todos os anos. Non ten ningún sentido”.
E lembrou que tras os lumes do pasado agosto, Amigas da Terra e Amigas das Árbores acometeron unha serie de accións puntuais no monte. E comentou: “Saíu na prensa un estudo dunha universidade que dicía que a palla non era boa, que incluso podía ser contraproducente para os microorganismos do solo. Moito se discutiu iso. Pero é que ninguén está dicindo que a palla sexa para todo. O que se intenta coa palla é actuar en zonas estratéxicas. A palla úsase para evitar que o solo quede espido, para evitar que se perdan nutrientes. Como vas actuar nas 140.000 hectáreas que se queimaron? É imposible. Tes que actuar en zonas concretas, analizar a pendente, o tipo de solo, o risco de erosión. Hai zonas nas que, pola pendente, nin sequera se pode actuar”. Tamén informou de que desde estes colectivos elaboraron un titorial sobre como actuar no monte queimado. “A xente ten vontade, mais isto non pode recaer no voluntariado. Ten que estar a Administración. O voluntariado sen asesoramento pode ser peor que non facer nada. A boa vontade pódese aproveitar para concienciar, para formar… Pero é a Administración a que ten os medios e os profesionais. Por iso falo da responsabilidade da Xunta de Galicia”.

Paradelo fixo referencia ademais aos análises da UIFO (Unidade de Investigación de Incendios Forestais). E sostivo que os propios datos da Administración indican que o sistema actual non funciona. Tamén se referiu á obriga do Consello Forestal de se reunir polo menos dúas veces ao ano. “É un órgano consultivo obrigado pola normativa europea e estatal. E só se reuniu unha vez no 2025. Con máis de 140.000 hectáreas queimadas, pediuse outra reunión. Mais á Xunta non lle pareceu necesaria”.
Paradelo apuntou algunhas reflexións sobre políticas públicas:
Fronte ao gasto recorrente de “13 a 20 millóns de euros todos os anos”; unha inversión produtiva para “favorecer unha actividade agro-gandeira”.
Fronte a “cartos tirados” que implican “queimar combustibles rozando todo o país”; unha xestión dos recursos financeiros da Administración que sexa “realmente rendible, que produza economía”.
Fronte ao impacto no solo, que deixa “solo espido” trala roza; mantemento do ecosistema e control biolóxico da biomasa.
Fronte unha prevención que non evita lumes que afectan a grandes superficies do territorio; prevención activa a través duns ecosistemas coidados.
Fronte a políticas de gasto a través de concursos públicos; reverter o abandono das aldeas fomentando con axudas directas ás familias o asentamento poboacional.

Reportaxe emitida pola Cadena SER en Galiza o mesmo sábado pola mañá:
https://cadenaser.com/galicia/2026/02/07/sociedad-radio-galicia
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O CICLO OS MESES DO LAROUCO
Advirten da necesidade de coidados para as turbeiras do Larouco e outros humidais
Do río Salas ao ceo do Larouco
PAISAXE E TERRITORIO, palestra en Baltar para abrir “Os meses do Larouco”


Pingback: Coidemos o que funcionaba de marabilla, e coidemos o mato – Stop Eólicos Xurés Celanova
Pingback: Intervir na montaña desde o afecto de quen a respecta – Stop Eólicos Xurés Celanova