Na imaxe que ilustra esta información, en negro á esquerda, están sinaladas as parcelas nas que ENCE pretende instalar a factoría e sobre as que xa negociou cos propietarios. Foi a empresa quen espallou o venres pasado a noticia a través da axencia Europa Press asegurando que a aplicación dos fertilizantes que xeraría a planta “evita la contaminación por nitratos de acuíferos”.
Neste punto, o concelleiro do BNG en Allariz, Bernardo Varela, advertíu onte en Pazos de Abelenda que o tratamento, tal e como sinala o proxecto, NON ELIMINA OS NITRATOS, polo que a planta non axudaría a resolver os problemas da contaminación das augas da Limia. Interpelados desde o público, os representantes do Bloque admitiron que a súa formación fai a mesma lectura que os colectivos ecoloxistas que participan de Auga Limpa Xa!: intentarán vendernos estas e outras plantas como unha solución (de novo, falsa) á problemática da contaminación por nitratos das augas superficiais e acuíferos da bacía do Limia, que provocou a recente sentenza do TSXG por vulneración de dereitos fundamentais e a esixencia da UE de acometer a declaracións de Zona Vulnerábel, que o Goberno galego non parece ter a intención de acometer.
• A Xunta de Galiza volverá a habilitar o prazo completo (30 días naturais) para alegar ao proxecto para a instalación dunha planta de biometano en Xunqueira de Ambia despois que a documentación non estivera accesíbel ao público nos primeiros 7 días desde a publicación do BOE o primeiro venres deste mes, segundo avanzaron onte desde a Secretaría Xeral de Avaliación Ambiental a consultas do MEL, Movemento Ecoloxista da Limia.
• O BNG de Xunqueira de Ambía anunciou onte nunha asemblea informativa con veciños da contorna en Pazos de Abeleda que presentará alegacións a un proxecto que o deputado no Parlamento autonómico Xosé Manuel Golpe advertíu "só busca o beneficio económico, non beneficio ambiental de ningún tipo", nunha análise do proxecto no que chamou a atención sobre os riscos de cheiros que sufrirían poboacións de Xunqueira e Sandiás, alén dos derivados da instalación dunha factoría en zona indubábel e xusto nos lindes coa Zona de Protección de Aves da Limia.
• O complexo, segundo o proxecto que se coñece e foi remitido ás entidades que habitualmente participan no proceso consultivo previo á paricipación cidadá, inclúe balsas a ceo aberto, liñas de alta tensión, unha planta fotovoltáica e ampliación das canalizacións do gasoduto, e utilizaría para a produción do biometano materiais perigosos como o ácido sulfúrico ademais de consumir grandes cantidades de auga e xerar os seus propios residuos.
• Durante a asemblea, tamén se informou de intentos de promover un proxecto de similares características en Casnaloba, tamén en Xunqueira de Ambía, e a deputada nacionalista Sonia Vidal dixo que no concello se rexistraron nos últimos anos varias iniciativas deste tipo. O BNG conta con ter elaboradas as alegacións a mediados da semana que entra.








