“Para o Dereito, a paisaxe é un recurso colectivo e unha parte esencial do patrimonio de todos”

Consuelo Castro Rey (Ourense, 1964), exAvogada do Estado, directora do Servicio Jurídico del Estado, e que forma parte, como representante de España, do Grupo de Traballo sobre dereitos humanos e migración do Comité de Dereitos Humanos do Consello de Europa, impartiu onte unha conferencia durante a xornada ACHEGAS XURÍDICAS A CUESTIÓNS AMBIENTAIS, organizada pola RAG na Coruña. Deixou algúns apuntamentos para axudarnos a comprender a consideración da paisaxe que ten a día de hoxe o Dereito, ferramentas para acompañar a loita contra o espolio do territorio e especificamente a invasión eólica.
Aquí un resumo da súa intervención:

◼️ O concepto común de paisaxe ◼️
“A finais do século XX introdúcese no concepto de paisaxe un elemento novo que é a percepción, fronte as visións naturalista e culturalista que concibían a paisaxe como unha realidade física. A percepción sería o vehículo que transforma unha realidade física en paisaxe. É, por unha parte, un tanxible xeográfico, pero é tamén a súa representación intanxible composta polas lecturas subxectivas que atribúen a esa realidade física significados de diversa índole (estéticos, vivenciais, identitarios, simbólicos…). O proceso de percepción estaría integrado pola observación da realidade, a interpretación da realidade observada e a asignación dun valor a esa realidade. (…) Esta asignación de valor converte a paisaxe nun recurso, entendendo como recurso unha fonte de beneficios tanto materiais como inmateriais.”

◼️ A recepción do concepto no Dereito ◼️
“A paisaxe pasou inadvertida para o Dereito até que a nosa contorna empezou a sufrir alteracións graves e aceleradas causadas polas actividades humanas, o que xerou un fenómeno de sensibilización social e a sociedade empezou a valorar a calidade da nosa contorna: a ser consciente da súa dimensión económica, ambiental, cultural e social, a ser consciente do seu impacto no benestar e na calidade de vida; e a ser consciente tamén de que é un recurso que se esgota, que se destrúe, por determinadas accións humanas máis ou menos irreversibles. Cando esta sensibilidade social alcanza un determinado nivel, empézase a sentir a necesidade de tutela xurídica.”

“Na primeira metade do século XX, o que se protexeu legalmente foi a dimensión estética da paisaxe. (…) Limitábase a uns territorios que, se consideraba, posuían uns valores extraordinarios. A esta concepción responde a delimitación de coutos pechados ou reservas que se procura illar da actividade humana transformadora para preservar as súas características. Figuras como Parque Nacional, Espazo Natural. (…) A partir da II GM empeza a considerarse a paisaxe como un patrimonio. E a esta concepción responde a convención da UNESCO de 1972 sobre o patrimonio mundial cultural e natural. Non se fala expresamente de paisaxe, pero recoñecese un valor espacial ou territorial; é dicir, empeza a falarse das ‘zonas’ (culturais ou naturais) como patrimonio.”

“Na seguinte etapa, empezan a concibirse as paisaxes protexidas como territorios vividos, habitados e, polo tanto, que experimentan a modificacións. É unha concepción dinámica que entende a paisaxe como unha realidade en continua transformación. (…) No ano 1992, o Comité do Patrimonio Mundial, que elabora as directrices prácticas para a aplicación da convención da UNESCO, introduciu por primeira vez o concepto de paisaxe cultural, ben que representa a obra conxunta do home e da natureza.”

“A finais do século XX incorpórase unha nova perspectiva: a planificación territorial. (…) Xa non só se pensa en protexer determinadas áreas delimitadas, senón que para calquera territorio se considera necesario que a confluencia e interacción de todos os elementos que están presentes sexa obxecto de planificación: ordenar os usos do territorio. Esta perspectiva é a que empeza a marcar o camiño cara a un concepto xurídico de paisaxe como tal.”

“A etapa máis recente do concepto xurídico da paisaxe responde a unha concepción social. No tratamento xurídico da paisaxe xa non só se toma en consideración a realidade obxectiva -o territorio e máis o que hai nel-, senón tamén, e moi especialmente, a relación sensible que establecen as persoas con ese territorio. O valor que ese territorio ten para a cidadanía que o percibe e a función que ten como sistema referencial simbólico. identitario, sentimental… empeza a entenderse a paisaxe como o marco de vida das persoas que a habitan. A finalidade do Dereito xa non é protexer un espazo determinado senón PROTEXER A NECESIDADE QUE TEÑEN AS PERSOAS DE ESTABLECER UNHA RELACIÓN SENSIBLE CUN TERRITORIO, DE BENEFICIÁRENSE DESA RELACIÓN E DE PARTICIPAREN NA DETERMINACIÓN DAS CARACTERÍSTICAS FORMAIS DOS LUGARES QUE HABITAN OU FRECUENTAN.”

“Enténdese que hoxe en día todos os territorios que constitúen o marco de vida dunha poboación todos teñen unha dimensión paisaxística que interesa ao conxunto dos seus habitantes e todos teñen que ser obxecto de protección. Todos os cidadáns teñen dereito a unha paisaxe de calidade aínda que os territorios que habitan non teñan unhas características excepcionais, A PAISAXE TENSE QUE RECOÑECER COMO UN RECURSO COLECTIVO E COMO UNHA PARTE ESENCIAL DO PATRIMONIO DE TODOS. E este é o enfoque que toma en consideración o instrumento xurídico fundamental co que contamos hoxe en día en materia de regulación de paisaxe, o Convenio Europeo da Paisaxe do Consello de Europa do ano 2000, ratificado por España no ano 2007.”

“Neste camiño, o último, é a consideración do dereito SUBXECTIVO das persoas á paisaxe. En que se concreta este dereito? En esixir aos poderes públicos a protección dos valores inmateriais que subxacen nas relacións entre os individuos e as sociedades e a súa contorna.”

“Cabe destacar neste punto que a xurisprudencia do TEDH está en liña con este enfoque, considera a paisaxe como un interese xurídico colectivo, non tanto como un ben, como un patrimonio, senón como un interese xurídico, mesmo abrindo o camiño para a súa consideración como un dereito subxectivo.”

“Este interese xurídico colectivo que é a paisaxe comporta determinados deberes xurídicos de protección por parte dos poderes públicos e pode supoñer tamén a limitación de dereitos e intereses dos particulares.”

◼️ A respecto do CONVENIO DE FLORENCIA ◼️, Castro Rey subliñou os seguintes principios a ter en conta:

✔️A paisaxe é un elemento clave do benestar individual e social. A súa protección, xestión e ordenación conleva dereitos e responsabilidades para todos (poderes públicos e cidadanía).

✔️Recoñece a relación entre os factores ambientais e naturais e os factores sociais, políticos e económicos.

✔️Destaca que a paisaxe contribúe a formar a identidade territorial e é unha compoñente fundamental do patrimonio dos pobos.

✔️Establece que a poboación é UN ELEMENTO CENTRAL DE REFERENCIA na regulación da paisaxe. E esixe que se contemple o papel activo dos cidadáns na toma de decisións que afecten as paisaxes e a súa participación na planificación do territorio.

“O convenio -concluíu Castro Rey- establece unha serie de obrigas para os Estados: a obriga de recoñecer xuridicamente a paisaxe; a obriga de integrar as paisaxes en todas as políticas sectoriais; a obriga de establecer procedementos para a participación pública; a obriga de adoptar medidas de sensibilización da sociedade; e a obriga de identificar e cualificar as paisaxes propias, analizar as súas características e facer seguimento da súa transformación.”

“Estes principios foron incorporados ao noso Dereito, en Galiza hai unha lei de protección da paisaxe. A materia pendente é a aplicación destas normas de dereito positivo.”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario