“Por medio do presente escrito, achego solicitude de recoñecemento como persoa interesada no expediente administrativo ou expedientes administrativos, incluso sancionadores de ser o caso, relativos aos incendios acaecidos en Ourense e solicitude de información sobre as causas, persoas responsables e superficie queimada en relación aos incendios acaecidos estes días”. Así comeza o documento que a Asociación Petón do Lobo está a distribuír para que calquera veciña ou veciño faga valer o seu dereito á información e participación e poidamos entre todas fiscalizar as accións que vaia tomar a Administración galega en relación á maior crise medioambiental que viviu a provincia de Ourense no presente século.
O escrito (descargar abaixo) debe dirixirse ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Rural en Ourense e pode presentarse desde hoxe mesmo en calquera rexistro de calquera Administración pública.
Trátase de poñer de manifesto a preocupación da cidadanía diante da crise dos lumes que padece gran parte do territorio da provincia de Ourense, en especial O Macizo e as comarcas do Sur e Orientais, así que CANTA MÁIS XENTE REXISTRE O ESCRITO, MELLOR, subliñan desde Petón do Lobo.
O documento reclama o recoñecemento como “persoa interesada” nos expedientes e dilixencias previas en relación á vaga e información sobre a esixencia de responsabilidades “incluídas ás empresas eléctricas”, así como as correspondentes responsabilidades derivadas dos lumes, “ben polos incendios intencionados ben pola falla de mantemento das infraestruturas”.
Tamén reclama o noso dereito a recibir, como parte interesada, información sobre as medidas a adoptar “para a recuperación dos terreos incendiados”. STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA e o MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA difundiremos o escrito e animará a veciñanza das nosas comarcas a apoiar a iniciativa de Petón do Lobo como un primeiro paso no que poden ser as respostas innovadoras por parte dos colectivos ecoloxistas e da cidadanía en xeral que parecen esixir a presente crise.


Chegou a resposta… Hai algunha acción organizada para sumar forzas e actuar en consecuencia? Moitas grazas, de antemán.
Pois iso lle gustaría a moita xente. Mais polo momento non sabemos de nada concreto. É o que toca, seguro. Desde aquí animaremos o que poidamos.