Durante o período de alegacións dentro do proceso de exposición pública do macropoxecto eólico no Coto Novelle, nos concellos de Cartelle (Terra de Celanova) e Castrelo de Miño (O Ribeiro), desde decembro pasado até xaneiro deste ano, a plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA, en coordinación con outros colectivos, rexistrou máis de 1.200 alegacións recollidas en catro mesas informativas nas feiras de Cartelle, Castrelo, Celanova e Ribadavia, e nos 12 puntos abertos en diferentes localidades das comarcas veciñas.
Neste labor contamos coa axuda doutras plataformas, colectivos ambientalistas, sindicatos, bares e tendas sen cuxa colaboración non tería sido posíbel alcanzar este volume de escritos.
Xusto despois, arrancamos a campaña contra proxecto de polígono híbrido que inclúe un macroparque eólico con aeroxeradores de 220 metros sobre o Coto Novelle e unha planta fotovoltaica de 16.000 módulos entre A Bouza e Reigoso, unidos por unha LAT duna 5 quilómetros entre as poboacións do Pereiro, A Armada e con cruzamentos con outras liñas de alta tensión da subestación eléctrica de Cartelle, da que a planta fotovoltaica se atopa a menos de un quilómetro de distancia.
A mediados de febreiro, rematado o prazo de exposición pública, a plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA tiña rexistradas máis de 600 alegacións contra o proxecto de macroplanta fotovoltaica en Cartelle, que se tramita por separado malia que fai parte do macropolígono híbrido.
Colectivos ambientalistas, sindicatos e organizacións políticas, sindicais e veciñais, axudaron na campaña de denuncia da INVASIÓN EÓLICA e, asociada, tamén FOTOVOLTAICA dos nosos montes por parte de grandes corporacións enerxéticas na busca de beneficios económicos a costa dos danos sobre o territorio e a saúde das persoas e os animais.
Agora, mentres o proxecto (dividido en dous expedientes) se atopa en tramitación na XUNTA DE GALIZA, con negociacións entre os organizamos de avaliación da Administración e a empresa promotora, decidimos que chegou o momento de poñer no foco os valores paisaxísticos, culturais, ambientais, como reserva de flora, fauna e augas, da zona baixo ameaza. Por iso, o domingo 1 de xuño camiñaremos EN DEFENSA DO COTO NOVELLE.
Únete!

