Atentas!
ACTIVIDADES PARA MAIO E XUÑO
XORNADAS DE TRABALLO ECOSOCIAL: DEFENSA DO TERRITORIO E COMUNIDADE SOSTÍBEIS. O martes día 6 estaremos nunha palestra en Ourense, e mentres, organizamos para xuño a I Marcha en Defensa do Coto Novelle e unha xornada nas Turbeiras do Larouco.

O día 6️⃣ de maio (martes) tomaremos parte nun faladoiro dentro das II Xornadas de Traballo social ecosocial, defensa do territorio e comunidades sostibles, que organiza pola Universidade de Vigo e o Colexio de Traballo social de Galicia.
Será a partir das 19.00 horas, con coloquio a partir das 20.00 horas. Ana Díaz, presidenta de Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova, será a representante da nosa plataforma, e conversará con Mónica Cea (Plataforma Ulloa Viva), Isabel García (Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non) e Iván Losada (Plataforma SOS Suído-Seixo).
O resto do programa tédelo nesta ligazón: https://n9.cl/s59nx1.
III FESTA-FEIROM DA TERRA E DA LINGUA. O día 2️⃣4️⃣ de maio (sábado) celébrase en Ourense a III edição da Festa-feirom DA TERRA E DA LINGUA. Terá lugar nA Galleira (Pç. De Sam Cosmede-Ourense).
Estamos traballando para confirmar canto antes a nosa participación, coma no ano 2023 (o ano pasado, foi apenas simbólica). A festa está aberta a produtoras acroecológicas e artesás, e a asociacións, colectivos e asembleas.
No Facebook dA Galleira iredes tendo máis información.
“O monte é noso, e non queremos eólicos nin fotovoltaicas”
I MARCHA EN DEFENSA DO COTO NOVELLE. Igual que vimos facendo desde 2021, con andainas en defensa do Monte da Neve, do Monte Grande (xa van dúas edicións, a última en decembro pasado desde Verea) ou da Aguioncha en Calvos de Randín, STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA organizará una marcha en defensa do Coto de Novelle, entre Cartelle e Castrelo de Miño, ameazado por un proxecto híbrido (eólico + fotovoltáico) que está en tramitación previa na Administración autonómica e contra o que se recolleron centos de alegacións desde finais de 2024 e no primeiro trimestre de 2025.
Despois de termos que adiar polo temporal a concentración en Cartelle, dentro da serie de mobilizacións antieólicas en todo o país previstas para o 26 de xaneiro, as protestas celebráronse finalmente o 9 de febreiro, e en Cartelle reunímonos plataformas e colectivos ecoloxistas da provincia de Ourense, no marco das mobilizacións da Coordinadora Eólica Así Non. Alí xa denunciamos a ameaza que existe sobre os concellos de Cartelle (comarca da Terra de Celanova) e Castrelo de Miño (comarca do Ribeiro) co proxecto en tramitación dun macropolígono híbrido que supera os 50 Mw de potencia a instalar e se presenta ao procedemento fragmentado de maneira fraudulenta para evitar a avaliación por parte do ministerio.
Agora, membros da plataforma están a deseñar un percorrido desde as aldeas de Cartelle que recibirían máis impactos en caso de se construír a infraestrutura, pasando pola antena de medición xa instalada a uns 700 metros do núcleo de Calvelos até o Coto Novelle. Nas próximas semanas anunciaremos a data. Coa mobilización tamén pretendemos denunciar diante da opinión pública a presión que seguen a exercer determinados intermediarios (agapitos) sobre as directivas dunha comunidade de montes afectada polo proxecto fotovoltáico e que se nega en redondo a ceder diante dos intereses destes intermediarios. A semana pasada celebrouse no Concello de Castrelo de Miño un acto de conciliación por unha demanda interposta por un destes agapitos contra unha comuneira, e mebros da nosa plataforma asistiron en apoio desta veciña.

OS MESES DO LAROUCO, COAS TURBEIRAS. Desde a plataforma, reactivamos a nosa colaboración co Club Parapente Baltar na programación de actividades que leva por título OS MESES DO LAROUCO, que axudamos a poñer en marcha o ano pasado e na que nos ocupamos específicamente das actividades de xaneiro (a palestra “Paisaxe e Territorio” con Petón do Lobo, a asociación PNB (Povo e Natureza do Barroso) de Montalegre e a Comunidade de Montes do Couso, no Baixo Miño) e maio (un roteiro para coñecer a flora e a fauna do Val do Salas, en colaboración coas Amigas das Cegoñas).
Así, neste 2025, para o domingo 2️⃣2️⃣ de xuño está prevista unha xornada para coñecer as turbeiras do Larouco, un elemento natural imprescindíbel para o equilibro das augas e da paisaxe da montaña na que participará como guía e ponente o profesor Xabier Pontevedra Pombal, do Departamento de Edafología y Química Agrícola da USC, un dos autores da catalogación da turbeira do Larouco (parte galega), que apareceu rexistrada por vez primeira no 2024 no catálogo de humidais da Xunta de Galicia.
Nas próximas semanas detallarase o programa de actividades para esa xornada, iniciativa encadrada nos MESES DO LAROUCO, que este verán volverán a vivir o seu punto máximo con outra competición de parapente do máximo nivel.

