Volven as mans espoliadoras ameazar o Monte Grande

Son a conselleira de Medio Ambiente e a alcaldesa de Rairiz de Veiga as que saen na foto deste xoves abrazando A Carballa da Rocha.

Son as mesmas que uns quilómetros máis arriba están favorecendo a construción dun macropolígono eólico que arrasaría unha carballeira centenaria de 1.500 hectáreas no linde entre Verea e Bande, coa complicidade da alcaldesa de Bande e do de Verea.

Son eles quen promoven a devastación da zona, cunha infraestrutura enerxética de capital privado para beneficio privado que destruirá o humidal da Lagoa Grande, en Bande, recentemente catalogado, e o rico patrimonio arqueolóxico do Monte Grande, e afectará gravemente ao sistema hidrolóxico do río Ourille, na conca do Arnoia, con afeccións ao subministro de augas de Celanova; e na outra conca, a do Limia, situaría aeroxeradores de 200 metros no linde da Reserva da Biosfera de Allariz, cuxo núcleo está na Veiga de Ponteliñares e na Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Limia, a menos de dous quilómetros do leito do Limia e apenas a un quilómetro da localidade de Congostro (Rairiz).

Son as empresas e as políticas da submisión na colonia (políticas que polo que se ve practican igual unha alcaldesa do PP, outra do PSOE e un do BNG), ademais da conselleira do gran órgano da perpetuación do espolio (o Consello da Xunta), das que levamos anos defendéndonos.

O plan de construción do macropoligono é case idéntico ao que freou unha DIA desfavorábel en 2023, un dos fracasos de Greenalia nestas comarcas, tombado pola mesma Administración á que agora se pretende burlar: construír no mesmo sitio o que xa se determinou que é inviábel.

A Área de Desenvolvemento Eólico do Vieiro, deseñada no Plan Sectorial do século pasado, aprobado por un deses Consellos da Xunta e que agora se prometeu someter a revisión para, entre outras cousas, eliminar esas áreas nas que os impactos ambientais, sociais e culturais que aconsellan non instalar máis aeroxeradores, debería ser obxecto dunha moratoria, como o conxunto do plan.

Mais lonxe diso, a concelleira de Medio Ambiente e o Consello da Xunta retorcen as leis para eludir a normativa comunitaria, o sentido común, o principio de precaución e a resposta veciñal. E as alcaldesas e alcaldes tragan, para que as empresas extractivistas devasten o territorio e repartan os cartos en Madrid.

Son as mans do espolio que se atreven a abrazar A Carballa, que leva séculos supervivindo na Limia sen precisar nunca de ninguén máis que do bosque. Agora prometen coidar o símbolo mentres destrúen o bosque, o territorio, as nosas montañas e regatos, mentres levantan polígonos nos montes e parcelan a chaira para novos polígonos destruíndo as propias carballeiras, os últimos vestixios do ecosistema agrario tradicional na Limia.

Mais A Carballa sempre soubo defenderse da peste. E será símbolo para o monte, a terra e as xentes para nos defender desta peste eólica. E máis agora que a forza de irmáns como o Miguel son semente na terra, na mesma terra limiana que sostén á Carballa.

Pararemos este novo ataque da invasión eólica.
Pararémola coa forza da xente e da terra.

A PLATAFORMA STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA IRÁ INFORMANDO NOS PRÓXIMOS DÍAS CONTRA O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DUN MACROPOLÍGONO EÓLICO NO MONTE GRANDE.


1 comentario sobre “Volven as mans espoliadoras ameazar o Monte Grande”

  1. Pingback: Mobilizacións contra o novo ataque ao Monte Grande e os aeros de 220 metros en Cartelle – Stop Eólicos Xurés Celanova

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario