En memoria de Miguel Ángel Martínez Novoa (1962-2024)

Faleceu onte en Vigo Miguel Ángel Martínez Novoa fundador do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), un dos fillos que a Terra elixiu para se defender mediante a paz e a palabra, e no caso de Miguel, a propia saúde. Até o final participou de todas cantas loitas medioambientais se activaron no país, e singularmente na Limia. As últimas, na campaña contra a invasión eólica que el mesmo axudou a activar desde 2021 e se mantén viva hoxe, e contra unha nova ameaza de explotación mineira este pasado verán. Precisamente contra as minas se levantou o MEL hai catro décadas no concello de Rairiz de Veiga onde intentaron abrir unha mina a ceo aberto para extraer lignito. “Despois viñeron campañas en defensa da natureza e sobre todo dos nosos venerados carballos centenarios que eran arrasados polas famosas concentracións parcelarias. As veigas da chaira ficaron aniquiladas, pero na chaira de Rairiz de Veiga aínda non entraron. Conseguimos que a UE as protexera e as declarase LIC, Lugar de Interese Comunitario. Agora andamos a volta cos vertidos ilegais de puríns e enxurros das granxas industriais da comarca”, deixou escrito o propio Miguel hai uns anos no espazo do Museo da Limia, en Vilar de Santos, que o sinala como persoeiro e poeta da Limia. Tiña 62 anos, e desde hai algún tempo padecía doenzas que se agravaron cando no 2017 foi detido e encarcerado inxustamente, reprimido e utilizado como cabeza de turco das Autoridades durante unha vaga de lumes produto do negocio dos incendios. Acusárono, a el, de atentar contra a Terra. O golpe foi duro mais conseguiu repoñerse e volveu incansábel á loita contra a gandaría industrial, os macropolígonos eólicos e a devastadora minaría. Miguel é o MEL e deixa exemplo e semente. Dedicou unha vida enteira a coidar da Terra desde o activismo e a poesía. Agora a Terra coidará del nunha desas carballeiras que adoraba. Seguirá aquí, presente en cada loita, en cada palabra, en cada mostra de respecto e amor á Terra. Miguel nunca abandona.


2 comentarios sobre “En memoria de Miguel Ángel Martínez Novoa (1962-2024)”

  1. Gran loitador e sen interés!!
    É unha gran pena que non se lle recordé e a nova do seu pásamento e estie tan pechada.
    Meresce unha homenaje o seu recordo.
    Eiqui a ecoloxía non interesa pois non da votos nin mantén lacaios no poder.
    Que a Terra che sexa leve.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario