Onte pola mañá, gozamos coas bolboretas xunto ao Salas, entre os montes de Paradela e O Corgo do Folón, que nace ao outro lado da raia para vir caer até o Salas, que serpentea deixando atrás as terras do Couto Mixto cara a Veiga de Paradelas. Nese val que as multinacionais eólicas non coñecen nin respectan, quixeron chantar uns aeroxeradores (PE Pico Corvaceira) apenas uns quilómetros ao sur doutro (PE Lamas de Feás), e quixeron chantar 80 e pico torretas de alta tensión, cruzando ducias de veces o Salas, matando a vida e paisaxe. Aínda resistimos.
O val, mirando cara o sur, ofrece este mes de maio -un dos MESES DO LAROUCO, ese ciclo que respecta a vida e a paisaxe e co que, veciñas e colectivos, intentamos mostrar que aquí hai moita vida e paisaxe vivo- toda a gama de cores da primavera. Foi un día cálido, un cómodo paseo desde Rubiás até a volta do camiño entre os picos da Costa e da Torre, moi preto de Paradela. Escoitando o cuco, descubrindo as bolboretas da man de Nancy e Saba, das Amigas das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción, dous dos colectivos que teñen axudado moito a parar a ir freando a invasión eólica nesta parte do país. Nesas seguimos coa xente de Baltar e o do Club Parapente Baltar.
Pola tarde, despois de xantar xunto ao Salas, demos volta cara o Larouco, até o despegue Norte do parapente, onde a xente do club tiña preparada unha exhibición. Desde moi preto do ceo volvemos ver A Limia e A Aguioncha, e mais lonxe as agullas do Xurés, O Laboreiro sinalado por Penagache, o Macizo… todas zonas ameazadas por esas compañías multimillonarias que nin coñecen nin se molestan e por iso tampouco respectan.
Desde o alto, na tarde cálida, tamén vimos aves e vimos voar as alas do parapente (mesmo algunha compañeira do Colectivo do Vento animouse a voar). Alí, no alto da serra, démoslle vida de novo a estes MESES DO LAROUCO, que son parte da nosa loita, que arrancaron en xaneiro en Baltar coas presentacións de Petón do Lobo, a comunidade Montes de Couso e as veciñas e veciños do Barroso que tamén están a defender o seu, Associação Povo e Natureza do Barroso, e que terán continuidade en apenas quince días coa terceira das citas.
ATENTAS:
Xa vos podedes anotar á ANDAINA DA ROUSÍA, para coñecer unha área de paisaxe catalogada e protexida.
Terá lugar o domingo 26 de maio, pola mañá, con saída da Boullosa (bar Palomín).