Outra batalla ganada: parouse a Greenalia en Lamas de Feás

O luns 23 de xaneiro publicouse no DOG a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático coa declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorábel sobre o proxecto de Greenalia para construír un macropolígono eólico Lamas de Feás na Aguioncha, moi próximo ás aldeas de Feás, Serois, Lobás, Lomear, Padroso, Meaus, O Silvoso e Pintás, é que deixaba estas dúas últimas dentro da poligonal da infraestrutura.

A declaración desfavorábel paraliza un proxecto que era ademais o punto de arranque da Liña de Alta Tensión (LAT) de Greenalia que remataría na Frieira, na subestación da central ao carón do encoro no Miño, 42 quilómetros máis ao noroeste despois de atravesar territorio de 8 concellos: Calvos de Randín, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda.

Outro proxecto en tramitación, o de Lamas II (contra o que desde STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA xestionouse o rexistro dunhas 800 alegacións, nun caso evidente de fragmentación fraudulenta, xa que o proxecto non contempla nin subestación nin liña de evacuación asociándose directamente ao de Lamas de Feás), tamén debería decaer xa que o fixo o proxecto Lamas de Feás.

E a DIA desfavorábel de Lamas de Feás tamén debería ter consecuencias nos proxectos en tramitación dos macropolígonos Fontesanta (no Monte Grande, entre Bande e Verea) e Monte da Neve (entre Verea e Celanova), que están conectados a través da LAT de Greenalia formando, xunto co PE do Vieiro, operativo desde 2009, un macrocomplexo de 38 macroarexeradores.

QUE DI A DIA sobre o PE LAMAS DE FEÁS?

A Axencia de Turismo de Galicia, un dos organismos aos que se pasa consulta na Administración galega, sostén nun informe de setembro de 2022 que ” o impacto que terá a Parque eólico Lamas de Feás no turismo rural local así como na súa contorna é reducido e que deberán ser atenuados polas medidas compensatorias e correctivas a incluír”.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sinala en agosto de 2022 “na redacción e execución do proxecto, deberanse ter en conta as consideracións nel recollidas, en materias de afección ao dominio público hidráulico, afección a captacións, calidade das augas, e afeccións as zonas protexidas”. É dicir, non di nada.

O Concello de Baltar, en xuño pasado, informou ·que non posúe ordenanza específica respecto á protección acústica nin respecto a normas específicas de carácter ambiental como

cheiros, calor, vibracións, emerxencias, autoprotección ou protección civil”. Nada.

O Concello de Calvos de Randín, en xullo, informa que “non conta con normativa de ningún tipo de carácter ambiental”.

O Concello de Os Blancos, tamén en xullo, informa que “non posúe ordenanza específica respecto á protección acústica nin respecto a normas específicas de carácter ambiental como

cheiros, calor, vibracións, emerxencias, autoprotección ou protección civil”. O mesmo…

A Dirección Xeral de Defensa do Monte, nese mesmo mes, di “que tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas (mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais aos puntos de carga de auga e puntos de vixilancia) infórmase favorablemente o estudio de impacto ambiental.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural di en xuño de 2022 que “deberán eliminarse os aeroxeradores AE1 e AE2 e as súas infraestruturas asociadas polo seu forte impacto sobre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Guioncha, que se considera incompatible coa protección e a conservación dos valores deste xacemento arqueolóxico afectado”, e tamén que “deberá revisarse in situ o cumio da Vela de Pexeiros na procura de indicios ou referencias relacionadas co Foxo dos lobos do Cebreiro”, e ademais que “deberá aportarse información de detalle na que se reflicta a situación exacta da Fonte da Cunca, e do trazado definitivo do vieiro acondicionado ao seu carón, aos efectos de valorar a afección real do ben”, e tamén que “con carácter previo ao inicio das obras deberá presentarse unha avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural dos accesos ao parque eólico”. Estas demandas teñen resposta nun informe da promotora do 29 de decembro de 2022. Non sabemos que di ese informe, pero a continuación, o 20 de xaneiro, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dá o seu consentimento.

A oposición aos eólicos en Calvos de Randín colle músculo

O Instituto de Estudos do Territorio emitiu o seu informe en maio de 2022. E nel sostén que “o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante o tempo no que estean presentes as instalacións, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna“.

E continúa: “entre as áreas afectadas pola incidencia visual caben destacar os valores estéticos dos afloramentos rochosos presentes na contorna, as AEIP, e os núcleos rurais próximos. (…) tal e como se tiña indicado no informe do 19/04/2022, en relación ás afeccións sobre o LEIP Penedo das Fatigas e outros afloramentos rochosos como os de A Aguioncha, de acordo coa directriz de paisaxe DX.17.a.4 deberanse estudar alternativas de localización para os aeroxeradores AE-01, AE-02 e AE-06 que eviten a afección sobre estes elementos compositivos das paisaxes os cales definen unha das maiores singularidades paisaxísticas destes altos, ou no seu caso, a correspondente xustificación da non viabilidade técnica das mesmas”.

E sinala que “deberase completar o estudio dos efectos sinérxicos con outros parques, incluíndo na análise realizada as infraestruturas do parque eólico Pico Corvaceira, situado a unha distancia de 1,8 km ao oeste, e que segundo o visor do rexistro eólico de Galicia atópase en tramitación”.

Na publicación do DOG do pasado luns, recóllese que “o 04/01/2023 o promotor da resposta ao antedito informe” [do Instituto de Estudos do Territorio]. Mais non se di nada máis.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, nun informe de de xuño de 2022, advirte que “cos datos achegados polo Servizo de Patrimonio Natural de Ourense e a documentación aportada polo promotor, non é posible determinar con total seguridade que non se vaian producir efectos negativos sobre os valores naturais”. A continuación sinala que “é preciso que o estudo de impacto ambiental estea actualizado e terminado; e non pode dicirse que así sexa cando os inventarios que serven de base á análise son do ano 2011 e 2012 e están incompletos ou son claramente insuficientes“. E engade que “é responsabilidade do promotor, de acordo co establecido no artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a elaboración do estudo de impacto ambiental”.

O 20 de decembro de 2022, o mesmo organismo remite un informe adicional no que conclúe que “o proxecto presenta impactos acusados sobre o patrimonio natural e a biodiversidade e, por tanto, emítese informe desfavorable”. A resposta da promotora chega o 13 de xaneiro [da que non se dá ningunha outra información na DIA], e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural responde o 15 deste mesmo mes, concluíndo que “o proxecto afectaría a unha zona de importantes valores naturais, con presenza de especies moi ameazadas recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e polo tanto é incompatible coa preservación dos valores naturais. Por este motivo a DXPN emite informe desfavorable”.

É dicir, despois de advertir en xuño sobre “datos incompletos ou insuficientes”, e de sinalar en decembro “impactos acusados sobre o patrimonio natural e a biodiversidade” dunha forma xenérica, a resolución desfávorábel concrétase en xaneiro, na presenza de “especies moi ameazadas”.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario