Convocada a I MARCHA en defensa da AGUIONCHA, este domingo (31 de xullo) desde Feás

A loita contra a invasión eólica nas comarcas do sur ourensán vivirá esta fin de semana outra etapa coa I MARCHA EN DEFENSA DA AGUIONCHA, organizada pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA e que partirá desde a aldea de Feás o domingo, 31 de xullo, ás 9:30 horas da mañá.

O percorrido, circular e de dificultade baixa, será de 5,6 quilómetros entre a aldea de Feás e o pico da Aguioncha.

A Aguioncha é unha montaña senlleira entre os vales do Sil e do Limia que se ve ameazada pola instalación do polígono eólico Lamas de Feás proxectado por Greenalia con 7 aeroxeradores de 200 metros de altura e unha perimetral que incluiría as aldeas de Pintas e O Silvoso. Toda a contorna, desde as aldeas de Tosende e Meaus (Baltar), Fontearcada e Covas (Os Blancos), Serois, Lobás, Pintás, Lomear, O Silvoso, Padroso e Feás (Calvos de Randín) quedaría afectada por unha instalación que prevé unha ampliación cara o sur (polígono Lamas II) e cara o leste (polígono de Serra de Gomariz), así como pola liña de alta tensión que arrancaría nestas montañas e percorrería 42 quilómetros até o Miño na Frieira (concello de Padrenda), con afeccións a 8 concellos.

Na defensa das augas, do patrimonio, da paisaxe e do medio natural e a fauna da Aguioncha e Pena Loba, STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA convoca á veciñanza da Limia e das comarcas da Baixa Limia e Terra de Celanova a unha mobilización que dá continuidade ás celebradas en defensa do Monte da Casa da Neve (Celanova, en setembro de 2021) e do Monte Grande (outubro de 2021).

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario