A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova recolleu durante a feira semanal en Celanova máis de 150 alegacións contra 2 proxectos de Greenalia que amplían a invasión eólica do suroeste ourensán entre o Larouco-Xurés e o Laboreiro. O próximo luns, día de feira en Xinzo, repetirase a acción na última semana de exposición pública dos dous proxectos. Trátase do P.E. Fontesanta: unha ducia de aeroxeradores no Monte Grande, entre Bande, Verea e Rairiz de Veiga, con graves afeccións aos humidais e un impacto grave na paisaxe da Baixa Limia e no patrimonio histórico e natural que garda esa área; e da LAT Lamas de Feás-A Frieira: unha liña de alta tensión de 240 torres e 42 quilómetros de percorrido que afecta veigas, aldeas, carballeiras e espazos protexidos e anuncia novos desenvolvementos eólicos entre a raia e o Miño. O prazo para o rexistro das alegacións remata o 1 de xullo.
Contra o P.E. Fontesanta.
A advertencias de Stop Eólicos Xurés Celanova a respecto do proxecto eólico no Monte Grande teñen que ver en primeiro lugar coa ausencia dunha avaliación completa e que teña en conta tanto o P.E. do Vieiro, operativo, o P.E. Monte da Neve, en tramitación, e da referida LAT, que representan en realidade partes dun mesmo plan de reconversión dos nosos montes en solo industrial. Estes tres polígonos, e os que están a ser ofertados por diversas empresas (en Verea e en Rairiz, por exemplo, onde xa circulan planos e contratos) evidencian a dimensión da ameaza eólica sobre esta parte do territorio.
É unha ameaza que comeza nas operacións de Iberdrola aínda non concretadas entre o Larouco e o Xurés, onde proxecta tres novos polígonos; e continúa coa expansión de Greenalia cara o norte do Parque Natural, ocupando con novos proxectos os montes máis altos e as áreas de acumulación de augas, desde a Aguioncha en Calvos até o Monte da Neve en Celanova, e trazando unha liña de evacuación para o servizo deses e doutros desenvolvementos eólicos nas terras altas que conservan o apreciado tesouro das augas.
No caso do polígono de Fontesanta (Bande, Verea, Rairiz), as ameazas directas teñen que ver coas afeccións sobre ríos e regatos e espazos como a Lagoa Grande e o Lago do Iermes. Tamén sufrirían unha afección inmediata a vexetación singular, unhas 50 hectáreas de carballeira e outras 30 hectáreas nas que a Xunta investiu para promover a formación de hábitats autóctonos prioritarios. Ademais, o plan de Greenalia remataría para sempre co uso predominante do Monte Grande, o uso forestal. Xunto ao anterior, tamén está ameazada a riqueza patrimonial do Monte Grande, un espazo no que hai constancia de poboamentos desde o Neolítico. En particular, o polígono afectaría ás mámoas e petróglifos da Fonte Santa, á mámoa e coviñas do Monte Raso, aos petróglifos da Lagoa Grande, e ao Foxo do Lobo das Covateiras. En canto aos impactos na paisaxe, o proxecto sitúase en zona da Reserva da Biosfera Xurés-Gerês, a só 7 quilómetros da área oeste do Parque Natural do Xurés e a 10 da área sur.
DESCARGA AQUÍ AS ALEGACIÓNS EXPRESS 👇
Axúdanos a parar o proxecto de Greenalia contra o Monte Grande
✅ Cubre os datos persoais na cabeceira do escrito e asina na última folla.
✅ Preséntao no Rexistro de calquer Administración pública.
✅ Se tes sinatura electrónica no rexistro da Administración estatal no enlace: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acces; ou coa Chave 365 no portal da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/ , a través do modelo de solicitude xenérica PR004A e adxuntando o arquivo coa alegación asinada.
Contra a LAT de 240 apoios.
As advertencias de Stop Eólicos Xurés Celanova a respecto da LAT de 42 quilómetros entre o proxecto de Greenalia P.E. Lamas de Feás (e o proxecto aínda oculto e fragmentado do primeiro, Lamas II) e a subestación do encoro da Frieira, no Miño, subliñan os impactos sobre distintas poboacións que fican moi próximas á infraestrutura. Estas poboacións son Serois, Lobás, Vila (Calvos de Randín); Reboreda e Paradela (Porqueira), Güín, Carpazás, Trarigo (Bande); Vieiro, Portela, Fontechide (Verea); Miranzo, Moimenta, Orbán, O Pereiro (Celanova); Ataínde, Quintela de Leirado (Quintela de Leirado); Abellás (Gomesende); Aldea de Deva (Pontedeva); Grixó, As Lamas, Ameán, Lordelo e A Agra (Padrenda), a menos de 1 quilómetro do trazado previsto.
Tamén alerta Stop Eólicos Xurés Celanova de que a LAT invade a Reserva da Biosfera Xurés-Gerês, produce impactos directos sobre a ZEPA/LIC A Limia/Veiga de Ponteliñares, atravesa veigas como a do río Lobás e a veiga do Limia en Ponteliñares, humidais como os do Monte Grande e os do Monte da Neve, afecta, ademais do Lobás e do Limia, aos ríos Tuño e Deva, e produciría un impacto paisaxístico severo sobre bens patrimoniais desde a Torre da Forxa en Porqueira ás ermitas de Abellás, San Pedro e a igrexa da Portela.
DESCARGA AQUÍ AS ALEGACIÓNS EXPRESS 👇
Deféndete! Alega contra a LAT de Greenalia e contra o PE Fontesanta
✅ Cubre os datos persoais na cabeceira do escrito e asina na última folla.
✅ Preséntao no Rexistro de calquer Administración pública.
✅ Se tes sinatura electrónica no rexistro da Administración estatal no enlace: https://rec.redsara.es/registro/action/are/acces; ou coa Chave 365 no portal da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/ , a través do modelo de solicitude xenérica PR004A e adxuntando o arquivo coa alegación asinada.
