Axúdanos a parar o proxecto de Greenalia contra o Monte Grande

Estás son dez razóns para nos opoñer á construción do proxecto eólico de Greenalia no Monte Grande (Bande), con afeccións a Verea e Rairiz.

DESCARGA AQUÍ O MODELO DE ALEGACIÓNS EXPRÉS: https://xurescelanova.fala.gal/proxecto-greenalia-bande/

1️⃣. A promotora realiza unha 𝐅𝐑𝐀𝐆𝐌𝐄𝐍𝐓𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍 𝐅𝐑𝐀𝐔𝐃𝐔𝐋𝐄𝐍𝐓𝐀 do proxecto. Esta infraestrutura inclúe a Liña eléctrica aérea de evacuación dos parques eólicos Lamas de Feás e Feás II, e a Liña eléctrica de evacuación dos parques eólicos Lamas de Feás, Feás II, Fontesanta e Monte da Neve, que fai parte da a Liña aéreo-subterránea SET Fontesanta-SET Frieira. Cómpre resaltar o carácter unitario dos parques eólicos previstos, no sentido de que todos os seus elementos e instalacións deben contemplase desde unha perspectiva unitaria, desde os accesos e os propios aeroxeradores ata a liña de conexión dos parques no seu conxunto coa rede de distribución ou transporte de electricidade. Non pode darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores esixencias ambientais.

2️⃣. 𝐀𝐮𝐬𝐞𝐧𝐜𝐢𝐚 𝐝𝐞 𝐀𝐕𝐀𝐋𝐈𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍 𝐒𝐈𝐍𝐄́𝐑𝐗𝐈𝐂𝐀 𝐃𝐎𝐒 𝐈𝐌𝐏𝐀𝐂𝐓𝐎𝐒. Dada a proximidade física entre os proxectos de parques PE FONTESANTA, PE LAMAS DE FEÁS, PE MONTE DA NEVE, así como o PE O VIEIRO (operativo), e por conseguinte a súa afección aos mesmos espazos naturais, especies, patrimonio ou poboación, é precisa unha análise exhaustiva, ecosistémica e participada que garanta un modelo de desenvolvemento rural equilibrado da zona afectada, no sentido do disposto no artigo 46 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que establece que calquera plan, programa ou proxecto que poida afectar de forma apreciable ás especies ou hábitats dos espazos da Rede Natura 2000, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans, programas ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no espazo, tendo en conta os obxectivos de conservación.

3️⃣. 𝐀𝐟𝐞𝐜𝐜𝐢𝐨́𝐧 𝐦𝐨𝐢 𝐌𝐎𝐈 𝐒𝐄𝐕𝐄𝐑𝐀 𝐚́𝐬 𝐚𝐮𝐠𝐚𝐬. O proxecto carece dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de augas. A propia promotora, en acto público no Concello de Bande, admitiu que o proxecto podería sufrir cambios porque puido non ter tido en consideración determinados impactos. Cal é a fiabilidade do informe que se presenta a exposición pública?. O Monte Grande posúe un elevado número de nascentes, entre eles, as corgas das Regueiras, Regato de Carpazás, Regato de Lamas e Corgas das Velas; e espazos como a Lagoa Grande e o Lago do Llermes. Existe unha afección severa e irreversible a humidais e a paraxes ribeiregas que reúnen características higrófilas.

4️⃣. 𝐈𝐦𝐩𝐚𝐜𝐭𝐨𝐬 𝐌𝐎𝐈 𝐒𝐄𝐕𝐄𝐑𝐎𝐒 𝐧𝐚 𝐟𝐥𝐨𝐫𝐚. O proxecto sitúa a infraestrutura sobre a área de musgo que se estende desde o Arando, polas Terras Brancas e o Monte Raso, e que dá razón dun réxime hídrico hiperhúmido e condición termófilas creadas por unha vexetación singular. Ademais, o proxecto tería impacto directo sobre 50 hectáreas de carballeira, e outras 30 hectáreas nas que a Xunta investiu para promover a formación de hábitats autóctonos prioritarios.

5️⃣. Impacto sobre 𝐨 𝐔𝐒𝐎 𝐅𝐎𝐑𝐄𝐒𝐓𝐀𝐋 𝐃𝐎 𝐌𝐎𝐍𝐓𝐄 𝐆𝐑𝐀𝐍𝐃𝐄. O proxecto, de se realizar, remataría para sempre co uso predominante do Monte Grande, o uso forestal. Un uso que entre outras cuestións levou á catalogación do espazo como Semillero Europeo pola calidade das sementes de Pinus silvestris. Conta cun plan de Ordenación Forestal, e constitúe un modelo de xestión sustentábel e rendíbel, alén dun sumidoiro de CO2. O proxecto de polígono e a LAT de evacuación faría perder máis dun 15% da masa arborada e parcelarían o comunal.

6️⃣. Impactos nunha 𝐚́𝐫𝐞𝐚 𝐝𝐞 𝐚𝐥𝐭𝐨 𝐯𝐚𝐥𝐨𝐫 𝐝𝐞 𝐏𝐀𝐓𝐑𝐈𝐌𝐎𝐍𝐈𝐎 𝐀𝐑𝐐𝐔𝐄𝐎𝐋𝐎́𝐗𝐈𝐂𝐎. A riqueza patrimonial do Monte Grande, un espazo no que hai constancia de poboamentos desde o Neolítico, veríase severamente afectada. En particular, e dada a situación das diferentes infraestruturas, afectaría ás mámoas e petróglifos da Fonte Santa, á mámoa e coviñas do Monte Raso, aos petróglifos da Lagoa Grande, e ao Foxo do Lobo das Covateiras.

7️⃣. 𝐈𝐦𝐩𝐚𝐜𝐭𝐨 𝐦𝐨𝐢 𝐬𝐞𝐯𝐞𝐫𝐨 𝐬𝐨𝐛𝐫𝐞 𝐀 𝐏𝐀𝐈𝐒𝐀𝐗𝐄. O proxecto sitúase en zona da 𝐑𝐞𝐬𝐞𝐫𝐯𝐚 𝐝𝐚 𝐁𝐢𝐨𝐬𝐟𝐞𝐫𝐚 𝐗𝐮𝐫𝐞́𝐬-𝐆𝐞𝐫𝐞̂𝐬, e as infraestruturas de evacuación afectan a unha zona máis ampla da propia Reserva e sitúanse mesmo en 𝐑𝐞𝐝𝐞 𝐍𝐚𝐭𝐮𝐫𝐚 (PE Lamas de Feás, e LAT SET Fontesanta-SET Frieira). Os aeroxeradores serían visíbeis desde toda a extensión do 𝐏𝐚𝐫𝐪𝐮𝐞 𝐍𝐚𝐭𝐮𝐫𝐚𝐥 𝐝𝐨 𝐗𝐮𝐫𝐞́𝐬, o maior do país, xa que estaría colocados a só 7 quilómetros da área oeste do Parque Natural e a 10 da área sur.

8️⃣. 𝐈𝐦𝐩𝐚𝐜𝐭𝐨 𝐜𝐨𝐧𝐭𝐫𝐚 𝐀 𝐒𝐀𝐔́𝐃𝐄 𝐏𝐔́𝐁𝐋𝐈𝐂𝐀. Despois de máis de dúas décadas de implantación de eólicos de forma masiva en Galiza, coñécese que provocan graves problemas na saúde das persoas. Unha sentenza de 2021 en Francia definiu o Síndrome da turbina eólica no caso dun polígono a 700 metros de vivendas. En Alemaña, a distancia legal aos núcleos dos aeroxeradores que se pretenden chantar no Monte Grande, superaría os mil metros. No caso do PE FONTESANTA, a aldea de Martiñán, a parte leste de Bande, e os núcleos de Vilar e Lueda quedarían a menos de 2 quilómetros dos aeroxeradores.

9️⃣. 𝐈𝐦𝐩𝐞𝐝𝐢𝐦𝐞𝐧𝐭𝐨 𝐚 𝐮𝐧𝐡𝐚 𝐏𝐀𝐑𝐓𝐈𝐂𝐈𝐏𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍 𝐏𝐔́𝐁𝐋𝐈𝐂𝐀 𝐫𝐞𝐚𝐥 no procedemento. Como advertiu o último 𝐢𝐧𝐟𝐨𝐫𝐦𝐞 𝐝𝐨 𝐂𝐨𝐧𝐬𝐞𝐥𝐥𝐨 𝐝𝐚 𝐂𝐮𝐥𝐭𝐮𝐫𝐚 𝐆𝐚𝐥𝐞𝐠𝐚 hai apenas uns meses, o dereito á participación pública sofre numerosos atrancos nos procedementos de tramitación de infraestruturas eólicas na Galiza. Estanse a incumprir, tamén neste caso, a Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2003, relativa ao acceso do público á información ambiental e o 𝐂𝐨𝐧𝐯𝐞𝐧𝐢𝐨 𝐝𝐞 𝐀𝐚𝐫𝐡𝐮𝐬 de 1998 sobre o acceso á información, a participación do público e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente, que garanten o acceso público a información ambiental que obre en poder das autoridades públicas ou doutras entidades no seu nome, tanto cando se lles solicite como mediante divulgación activa.

🔟. NON CONTA CON LICENCIA SOCIAL. O macro-complexo eólico que Greenalia está a deseñar nas comarcas da Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova 𝐍𝐎𝐍 𝐂𝐎𝐍𝐓𝐀 𝐂𝐎𝐍 𝐋𝐈𝐂𝐄𝐍𝐂𝐈𝐀 𝐒𝐎𝐂𝐈𝐀𝐋, como veñen demostrando as mobilizacións no último ano, con recollida masiva de alegación contra os proxectos parcelados en Celanova, Verea e Bande, primeiro, e despois en Calvos de Randín, Os Blancos, Baltar e Porqueira.

2 comentarios sobre “Axúdanos a parar o proxecto de Greenalia contra o Monte Grande”

  1. Pingback: O xoves estivemos en Celanova, o luns recollemos alegacións en Xinzo – Stop Eólicos Xurés Celanova

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario