Escribe Xosé Benito Reza no nº 46 da revista Raigame que este xoves se presentou en Ourense:
«Nunca se fixo unha prospección arqueolóxica nestas paraxes, pero os resultados do estudo preliminar que agora se acometeu apuntan claramente a existencia de abondosos e interesantes restos duns xacementos que quizais veñan confirmar a veracidade do que nos contaron, e que aquí comentamos sucintamente.
Logo, a pregunta por odiosa e ociosa é obvia: imos deixar que arruínen as reliquias do noso pasado antes incluso de as poder estudar e analizar?. Imos deixar que ergan neste territorio, que un día foi propiedade dos monxes do convento de Celanova, torres de 102 metros de altura con pas ou rotores de 155 metros sobre plataformas de formigón de 22 metros de ancho?, con enormes pistas tas que haberá que abrir para que cheguen ata alí eses monstros?, con profundas gabias onde soterrar quilómetros de cabreado que van desangrar o terreo e deixar á luz sabe Deus que cousas?, estragando non só a paisaxe cultural e natural da contorna, senón poñendo en risco a integridade dos propios xacementos, tanto máis cando non sabemos ata onde chegan nin canto se estenden?
Ata seremos capaces…, capaces de permitir que nos coloquen á vista e a tan só tres quilómetros de distancia dunha vila literaria, cultural e monumental como Celanova esas torres monstruosas, soerguendo da Chaira moitos centos de metros por riba do nivel do val.
O que fai falla é que os políticos, os responsables de cultura, de patrimonio, de conservación da natureza e da paisaxe estean á altura das circunstancias, a unha talla aínda máis alta que esas torres descomunais que nos quere instalar unha empresa alemá fronte dos nosos narices. Nas súas mans está a decisión final. E teñan en conta unha cousa: ningún país “civilizado” (Alemaña por suposto), sensible e orgulloso do seu patrimonio e da súa historia, permitiría tal disparate.
Cando tempo teremos que seguir padecendo e soportando estas calamidades, propias dun país atrasado e colonizado?, que afunden as mellores terras dos nosos vales no silencio dos días afogados, que lixan a paisaxe e arruínan o patrimonio mentres nós seguimos emigrando?
Que prezo tan alto seguimos pagando polo noso silencio, pola nosa indolencia. Que triste e lamentable é todo isto.»