A Plataforma Eiquí Eólicos Non exixe posicionamentos contra a ameaza eólica no Courel aos concellos afectados e ao Xeoparque
A aparición de dous novos proxectos para parques eólicos que afectarían gravemente o Courel (1) -agredindo directamente os concellos de Folgoso do Courel, o Cebreiro, Barxas, Veiga de Valcarce, Oencia e Trabadelo- fainos dar un paso máis na reivindicación contra o espolio eólico que ameaza as montañas orientais, desde o Courel ao Bierzo, do Iribio aos Ancares e ao Macizo Central.
A cidadanía organizada en asociacións e Plataformas exiximos o posicionamento público dos axentes políticos e sociais implicados contra a instalación da industria eólica no Courel e zonas limítrofes.
Exiximos que os concellos de Folgoso, Quiroga, Pedrafita, Barxas e Oencia se posicionen publicamente e actúen como parte agredida e como representantes dunha poboación que será gravemente perxudicada polo que suporía unha irreversíbel afectación do modo de vida, valores patrimoniais, intereses económicos, patrimonio natural, recursos económicos e paisaxe das nosas serras. Actúen xa!
Solicitamos ao Xeoparque “Montañas do Courel” que rexeite publicamente o impacto dos parques eólicos, posicionándose como parte afectada e axente social interesado na inviolabilidade da Serra do Courel, declarada como Xeoparque Mundial da Unesco. Este territorio ten uns valores únicos que, de continuar adiante a agresión eólica, se verían irreparabelmente danados, despois dunha evolución natural de miles de anos en relación coa humanidade desde o paleozoico. A unión do ser humano co territorio, valor central do Xeoparque, non pode provocar e consentir unha agresión industrial sobre a que o Xeoparque mantén un silencio escandaloso e vergoñento. Actúen xa!
Solicitamos á Xunta de Galicia un posicionamento público contra o espolio eólico e a suspensión temporal, através dunha Moratoria Eólica, dos proxectos eólicos ante a indefensión da poboación frente a esta avalancha de proxectos. Exiximos a elaboración dun Plan Eólico en cuxa planificación, avaliación e aprobación participe activamente a cidadanía.
Actúen xa!
Solicitamos ao goberno do estado a suspensión inmediata dos proxectos que afectan as nosas montañas e pedimos unha moratoria temporal na autorización de empresas eólicas a gran escala até que se faga unha planificación con participación social, con amplo apoio de empresas, partidos políticos, comunidade científica e colectivos sociais.
Actúen xa!
Desde a Plataforma Eiquí Eólicos Non queremos denunciar a acumulación depredadora de negocios eólicos na zona de Barxas, con cinco parques superpostos e centos de quilómetros de liñas de evacuación eléctrica ameazando a integridade do territorio e o futuro da poboación da zona, con graves consecuencias para aldeas limítrofes como Horreos, Visuña, Romeor, Brañas ou Fonteformosa, na parte administrativamente galega da montaña e as aldeas de Busmaior, Campo de Lebre, As Cruces, Quintela, Albaredos, Barxas ou Vilarrubín na parte berciana.
Sinalamos, ademais, que o recente nomeamento pola Unesco do Courel, a Ribeira Sacra e as montañas do Iribio como a sétima Reserva da Biosfera na Galiza é un argumento máis para que as administracións públicas defendan este territorio e a súa poboación de agresións depredadoras, ao lado do movimento social e non en frente.
Neste sentido, a Plataforma Eiquí Eólicos Non denuncia que as administracións implicadas -concellos, goberno da Xunta e goberno do estado- están a comportarse contra os intereses xerais da poboación e está a ser o movimento social organizado quen ten que enfrontarse ás empresas multinacionais e aos trámites burocráticos que as diferentes administracións poñen como trabas no noso camiño.
Solicitamos á poboación dos territorios afectados polo espolio eólico que se sumen á defensa activa da súa forma de vida, do seu patrimonio e valores. A defensa do rural é unha prioridade para todas e todos nós e por todo o país hai ducias de colectivos a defender o rural desta agresión histórica.
A Plataforma Eiquí Eolicos Non está composta por colectivos como a Asociación A Volta Grande do Courel, Asociación a Fonte do Milagro, Asociación Veciñal e Cultural de Vieiros, Pía Paxaro, Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, Comunidade de Montes de Órreos, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Colectivo Arte Lixo, Asociacion de Indignados de Xestoso ante os abusos medioambientais, Outonía S.Coop, Plataforma vecinal Rural Sostenible e Cuidemos a Terra.
(1) Os dous parques cuxos proxectos acaban de ser coñecidos son o PE Umbrío, que afecta os concelhos de Folgoso do Courel e Pedrafita na Galiza, e Barxas e Veiga de Valcarce no Bierzo, e o PE Ralea, que afecta na parte galega ao concello de Folgoso do Courel. Ambos os proxectos som da empresa Green Capital Power.