En Bande: acción este domingo contra a invasión eólica (e alegacións contra os plans de Iberdrola)

Este domingo día 5 en Bande (no Mercado do Xurés), STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA organiza unha Mesa Informativa sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en Bande, Celanova-Verea, e nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos, así como liñas de alta tensión que afectarán tamén Muíños e Xinzo de Limia.

A mesa informativa en Bande permanecerá aberta entre as 11 e as 14 horas e, ademais de folletos informativos, poderán asinarse e recolleranse alegacións contra o proxecto P.E. San Martiño para rexistrar no Concello de Baltar a vindeira semana.

O proxecto P.E. San Martiño

Promovido por Iberdrola, pretende instalar 4 muíños nos montes da Boullosa lindeiros con Portugal, a menos dun quilómetro de tres aldeas galegas e unha portuguesa. A central eólica situaríase nuns terreos que sufriron incendios no período 2010-2018, cando a normativa vixente impide a recualificación urbanística dos terreos incendiados, segundo denuncia a asociación ecoloxista Petón do Lobo. A central, ademais, disporía aeroxeradores a só 600 metros do límite oriental do Parque Natural do Xurés.

Esta mesma semana, saíu a exposición pública o plan reitor do Parque, que prohibe expresamente instalacións eólicas nos terreos directamente protexidos. Tanto Stop Eólicos Xurés-Celanova como colectivos ecoloxistas veñen pedindo aos órganos técnicos do Parque Natural e da Reserva da Biosfera que se pronuncien sobre as afeccións para a protección das especies deste tipo de instalacións na contorna de espazos protexidos.

Tamén está a exposición pública a liña de alta tensión que daría servizo a esta central de San Martiño, con 11 quilómetros e 43 torres de apoio con alturas de entre os 30 e os 45 metros, desde a Boullosa até o Larouco, onde Iberdrola dispón dunha subestación que forma parte do polígono eólico de 42 aeroxeradores.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario