Segundo o estudo de execución, un dos documentos que fixeron públicos este venres, a denominada LAAT 132 kV SAN MARTIÑO – LAROUCO consiste nunha liña aérea de 11,1 quilómetros, composta por 43 torres de apoio, con alturas entre os 30 e os 45 metros, que atravesa regatos, camiños, cortalumes e corgas en territorio dos concellos de Baltar e Xinzo de Limia.
AUGA. Os 43 apoios atravesan regatos en 52 puntos. Os regatos con nome son: O da Ponte da Pedra, o de Pedrosa, Forzaos, Corgo da Mina, Covas, dos Caseiros, do Carballo, das Lamas, do Carballal, Infesta, Porto Cancelo, Tarañeira, Faramontaos, do Castelo, Gundal, do Mallo, da Xesta, Chao da Lama, Seínza, Cereixeira, Caneiro, das Pereiras, Vilela do Porto, Augatallada, dos Campelos, da Ribeira e Forcadas.
Estes, polo que respecta ás augas baixo control da CHMS. Na cunca do Douro, veríanse afectados os regatos de Bocas, do Muíño, río Pinchos, regatos do Toleiro, do Carregal, da Devesa, da Perteira, das Xugadas, o rego do Merdeiro, os regatos do Poleiro e de Lucenza e a ribeira da Cabana.
PAISAXE. O trazado atravesa a área paisaxística das Chairas, Fosas e Serras Ourense, nas comarcas da Limia e Verín. E afecta á Ruta dos Castros de Cualedro (Lucenza-San Millao), o Camiño Privilexiado do Couto Mixto (As Maus-Tourem, POR) e O Couto Mixto (As Maus-Tosende-Santiago-Rubiás), así como á Ruta do Señor do Larouco.
Na zona de afección da LAT, o estudo de impacto ambiental, recolle a presenza do CASTIÑEIRO DE PEXEIROOS, na parroquia de Guntín (Os Blancos), o castiñeiro cultivado “más antiguo del sur de Europa”, segundo unha investigación do grupo de Agronomía do Campus de Lugo da Universidade de Santiago.
VER INFORMACIÓN SOBRE O CASTIÑEIRO DE PEXEIROOS: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ciencia/2019/09/27/castano-cultivado-antiguo-sur-europa-gallego/0003_201909G27P23992.htm
VEXETACIÓN. Os impactos da roza na fase de construción da infraestrutura, que ocupa unhas duascentas vinte hectáreas ao longo dos 11 quilómetros entre a central eólica de San Martiño e a subestación de Iberdrola no Larouco, afectaría segundo o propio informe de impacto ambiental “a Brezales secos europeos, Brezales oromediterráneos endémicos con aliaga, Roquedos silíceos con vegetación pionera del Sedo Scleranthion o del Sedo albi-Veronicion dillenii y Bosques galaico-portugueses con Quercus robur y Quercus pyrenaica”, todos eles catalogados como Hábitat de Interese Comunitario (HIC).
AVES. O estudo prevé que un 6,8% da liña invada zonas de alto risco por colisión ou electrocución da avifauna. Os autores do informe pensan que este risco é asumíbel e cualifican o impacto como moderado.
IBERDROLA
No contexto da invasión eólica que está a sufrir o país, Iberdrola é a responsábel de varios proxectos moi polémicos. A multinacional con sede en Bilbo promove dous polígonos eólicos mariños e un complexo de 65 aeroxeradores entre a Costa da Morte e a comarca do Eume, na provincia da Coruña, con 4 centrais eólicas -Pedrabante, Pena do Corvo, Berdoias y Alto dos Borrallos- que compartirían unha LAT de 150 quilómetros de liña e máis de 500 puntos de apoio.
Iberdrola é unha das empresas que controlan o pool eléctrico no Estado español, unha das responsábeis do disparato prezo da factura da luz que pagamos as consumidoras e das que fan parte do lobby enerxético que condiciona a lexislación estatal e autonómica para favorecer, entre outras cuestións, a tramitación de proxectos como os que pretende chantar sobre a raia, na liña do horizonte entre o Xurés e o Larouco.