Petón do Lobo elabora o primeiro modelo de alegacións contra a central de Iberdrola no Xurés

A asociación ecoloxista Petón do Lobo publicou onte un modelo de alegacións ao estudo de impacto ambiental do proxecto P.E. San Martiño, situado no concello de Baltar. A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, que vén de denunciar algúns dos impactos previsíbeis desta infraestrutura, así como da LAT do Xurés, recolle estas alegacións para difundilas, amplialas (na medida do posíbel) e rexistralas nos concellos da nosa contorna en defensa dos montes arraianos ao redor do Alto da Frieira.

Estas son algúns dos impactos e irregularidades que sinala Petón do Lobo no seu documento, que pode descargarse nesta ligazón á súa web: https://bit.ly/3buXg9a.

☑️ Iberdrola sitúa o seu proxecto de central eólica nuns terreos que sufriron incendios no período 2010-2018. A normativa vixente impide a recualificación urbanística dos terreos incendiados.

☑️ Iberdrola non indica cal é o retorno social do proxecto nin tampouco acredita a existencia do recurso eólico.

☑️ No estudo de impacto ambiental presentado pola promotora, non aparece consulta transfronteiriza ningunha, como é pertinente por afectar a central a Portugal.

☑️ A poboación non está sendo informada e descoñece, na meirande parte dos casos, as afeccións eólicas que teñen á beira das súas casas e terras (o seu medio de vida), vulnerándose así o artigo 9.3 da Constitución española.

☑️ O proxecto afecta de maneira irreversible a lugares identitarios para a poboación e as familias que viven, residen e/ou traballan no ámbito xeográfico da central e que resultan obviadas. Tamén en terras portuguesas: Alto da Escusa, Penedo de Cruces, A Lomba, Outeiro da Fonte de Chaos, Fonte da Moura, Cabeço de Lamas, Cabeço Alto, Curral Velho.

Imaxe: https://mapaseolicos.wordpress.com/?s=Baltar

☑️ Ao igual que a Liña de Alta Tensión do Xurés e os parques eólicos Mistral e Tramontana (en tramitación) os impactos son inasimilables para un territorio que forma parte da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

☑️ Afeccións moi severas e prexuízos significativos para os recursos hídricos. Non se presenta estudo hidrolóxico ningún que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afeccións aos acuíferos. Ríos e regatos da zona os ríos nacen ou agroman nos outeiros onde Iberdrola prevé a instalación dos aeroxeradores. No Alto da Frieira nacen o Corgo das Lamas e río de Porto Cancelo. O rego do Carballal que nace entre o Alto da Frieira e As Touzas de Zudro. O regato do Castelo nace no Outeiro da Cruz. Nestes altos tamén nacen diversos ríos portugueses que regan As Lamas de Sendim.

☑️ Existen numerosas brañas afectadas polas infraestruturas eólicas como as brañas do Outeiro do Vidal, as brañas das Lamas, as brañas das Aguzadoiras, as brañas da Veiga, brañas da Rousía, ou as brañas das Vesadas. Cómpre ter en conta que as infraestruturas afectan de forma irreversible a estes espazos.

☑️ Nas proximidades do parque existen os seguintes núcleos: Sabucedo dos Peros, Medos e San Martiño dos Peros (concello de Baltar) a unha distancia aproximada de 1 quilómetro dos aeroxeradores 2 e 3. Nun rango de menos de 2,5 quilómetros están A Quinta, Montecelo, Vilamaior da Boullosa e San Paio (tamén en Baltar). Ao sur da central, en Portugal, a aldea de Sendim fica a unha distancia aproximada de 750 metros do aeroxerador 3.

TODOS OS DOCUMENTOS SOBRE O P.E. SAN MATIÑO:

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario