STOP EÓLICOS convoca o movemento ecoloxista da provincia para frear a invasión eólica do Xurés

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA convocou para este sábado (10.00, na praza de Bande) a todas as plataformas, colectivos veciñais e asociacións ecoloxistas que defenden os territorios de Ourense diante da ameaza eólica a participar da I MARCHA EN DEFENSA DO MONTE GRANDE, para frear “a invasión eólica do Xurés”.

Greenalia, a compañía das portas xiratorias que colocou a exconselleira Beatriz Mato (PP) no seu consello de administración, pretende abrir a espita da invasión do Xurés polas corporacións enerxéticas, empezando polo Monte Grande en Bande, unha das portas da reserva natural. O proxecto de Greenalia para o Monte Grande, que xa está sendo negociado cos comuneiros en medio do silencio do goberno municipal de Bande (PP), proxecta 12 aeroxeradores en espazo Rede Natura e a unha distancia de varias aldeas inferior aos dous quilómetros. O polígono constitúe unha continuidade do instalado xa no Vieiro e do planeado entre Celanova e Verea. Este do Monte Grande afecta, polo menos en canto ás infraestruturas de acceso, aos concellos de Verea e Rairiz de Veiga, que tamén gardan silencio sen perturbar os plans de Greenalia.

A desfeita medioambiental, con varios espazos de bosque autóctono e brañas afectadas, numerosos elementos patrimoniais en risco e un impacto sobre a saúde e as economías das aldeas da contorna e da propia vila de Bande que ningunha administración se preocupou aínda de avaliar, únese á afección severa sobre o Xurés, a gran reserva natural e o maior tractor turístico da comarca do Val do Limia e das comarcas lindeiras.

Asociacións veciñais e culturais da contorna, partidos políticos, colectivos ambientalistas de Ourense e de todo o país, un crecente movemento de oposición á invasión eólica que viviu nos últimos meses un impulso notábel en toda Galiza e, no que se refire estas comarcas, coa mobilización en Celanova o pasado 4 de setembro, está respondendo ao chamamento de STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA a defender o rural este sábado 23 en Bande.

SEN RESPOSTAS DESDE A CORPORACIÓN MUNICIPAL

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA solicitou hai dúas semanas por rexistro unha entrevista co alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP) e remitiu unha proposta de moción na que solicita que o goberno local informe á veciñanza a respecto “dos detalles do plan da empresa. Desde as afectacións ambientais, patrimoniais e paisaxísticas previsíbeis, até o marco temporal do proxecto que compromete ás xeracións futuras”. Até este martes, a plataforma non recibiu convite da alcaldesa nin resposta ningunha dos grupos municipais popular e socialista.

Documentos do rexistro das alegaciós presentadas este 19 de outubro.

ALEGACIÓNS CONTRA O PROXECTO DE TREBOADA

Continuando coa súa política de cooperación con outras plataformas e solidariedade con outros territorios da provincia de Ourense, STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA presentará alegacións -o prazo remata este xoves, 21 de outubro- nos rexistros municipais de Celanova e Bande contra o proxecto P.E. Treboada, que promove a empresa Wind Grower e afecta seis concellos, entres eles, os de San Xoán de Río e Pobra de Trives, en Ourense.

O modelo de alegacións elaborado por Petón do Lobo pódese descargar na seguinte ligazón:

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario