Celanova, fronte a colonización, soberanía estética

En Celanova, un informe do arqueólogo municipal non publicado até agora constata a presenza de vestixios arqueolóxicos relevantes nos terreos onde a empresa alemá BayWa proxecta un polígono de explotación eólica a menos de tres quilómetros da vila.

O informe titúlase “Realidade arqueolóxica do Monte da Neve” e describe “os lugares primitivos fundacionais do mosteiro de Celanova e a necrópole megalítica dos Altos da Lagoa”. Tanto o Monte da Neve como os Altos da Lagoa están dento da poligonal do proxecto alemán que contempla sete aeroxeradores de case 180 metros de altura, unha subestación e máis unha liña de evacuación ocupando unha superficie dunhas 500 hectáreas entre aldeas e explotacións gandeiras e forestais.

O estudo documenta “dúas realidades históricas diferentes, aínda que ligadas xeograficamente”: por un lado, unha gran concentración de túmulos megalíticos; por outro, as propiedades pertencentes á familia de San Rosendo (fundador do mosteiro de Celanova) que datan do século X.

“Nunha observación superficial”, sinala o texto, “distínguese no chan, entre a carballeira, aliñamentos de derrubes de cachote nos que puntualmente sobresaen fiadas de perpiaños irregulares definindo muros de dobre cara de entre 0,8 e 1 metros de anchura. Nunha análise inicial, identifícanse até tres estruturas deste tipo, definindo espazos duns 7×7 metros, algunhas delas achegadas entre si formando conxuntos construtivos. Tamén se atopan restos de tellas por toda a superficie. Todo o conxunto aparece rodeado por un valado perimetral, a modo de cerca, que nalgún punto parece reaproveitar tamén restos de antigas construcións”.

O texto está debuxando o que foi a casa forte e pazo de don Hermenexildo, avó de San Rosendo, que a documentación sitúa na faldra noroccidental do Monte da Neve. É dicir, dominando todo o val do Vilar no que se asentou Celanova ao redor do mosteiro.

O redactor insiste neste detalle: “Pola situación topográfica de absoluto control tanto do val e actual vila de Celanova, ademais de cara aos montes e paraxes situados cara ao Sur, polo Alto da Lago e ramificacións da Serra do Leboreiro, xa no concello de Verea, é doado supor, en vista dos restos descubertos, a localización dun posto de control neste lugar, para a protección de acceso ao val e da propia casa forte. Puidera así relacionarse este sitio, en conxunto coa suposta situación do vello pazo, coas Torres de Valvís”.

A documentación analizada e o traballo de campo levan ao autor a avanzar que aí poden estar os restos da historia aínda por descubrir de Celanova. “En todo caso, a presenza de derrubes e fragmentos de tella en abundancia certifican a presenza dun sitio arqueolóxico no lugar sen ningún tipo de dúbidas”, certifica.

Nada diso aparece no documento inicial da empresa promotora do polígono eólico, con data de xuño de 2020 e que está en fase de tramitación.

Xosé Luis Méndez Ferrín, veciño e bo coñecedor da zona, lanzou en marzo pasado unha durísima invectiva contra o proxecto alemán.

“Unha entidade da que non se sabe máis ca a súa condición estranxeira, ten previsto violar brutalmente o espazo histórico-artístico de Celanova erguendo sobre as ruínas de Cachiquimbra e no outeiro da Casa da Neve unhas torres eólicas de altura desmesurada (…) A paisaxe arqueolóxica, artística e humana de todo o territorio afectado encóntrase severamente ameazada. Un movemento activo contra as máquinas que transformarán se llo permitimos o vento en quilovatios nunha operación colonial que non lle vai producir beneficio senón a inversores sen rostro que, seguramente, vivan ociosos a milleiros de quilómetros de Celanova, está en marcha”, advertía o escritor.

Nin as palabras de Ferrín nin o estudo arqueolóxico pareceron conmover o alcalde, Antonio Puga (independente), que co respaldo do PP e do PSOE negouse a aprobar unha proposta do BNG para solicitar a Patrimonio unha cata en condicións. Nun pleno que pasará a historia por esta e outras cuestións que teñen que ver coa memoria, a maioría de concelleiros da corporación celanovesa dixeron que non paga a pena gastar un peso en documentar a realidade arqueolóxica da Casa da Neve.

Mais as conclusións científicas, aínda que preliminares, son clamorosas. Ademais do pazo e as torres medievais, o estudo alude aos restos dunha explotación mineira romana a ceo aberto (a Cova da Moura), dun castro (en Cañón, xunto a vertente sur da poligonal), a camiños medievais e a propia Casa da Neve (estrutura en pedra utilizada polos monxes do mosteiro para conservar o xeo) que da nome o monte principal. Tamén ofrece a relación de 25 túmulos en tres conxuntos (Pozo da Lagoa, Altos da Lagoa e Monte Oural) dos cales nove aínda non figuran no inventario arqueolóxico da Xunta, e aconsella que as necrópoles megalíticas sexan “consideradas unha única área arqueolóxica” ao igual que “como conxunto deben ser concibidos os lugares vinculados ao pasado fundacional de Celanova”.

Para o autor do estudo, os elementos sinalados teñen “gran importancia para a historia de Celanova e para o seu presente e futuro desenvolvemento socioeconómico”, e recomenda enviar o propio estudo “á administración competente” para que se poña remedio á ausencia nos inventarios e se teñan en conta para a súa protección.

A finais de xullo constituíuse a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova que vén de convocar unha marcha para o 4 de setembro. A mobilización organízase en base a un chamamento a defender “a auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve”.

Para Méndez Ferrín, é tempo de volver reclamar, como as Irmandades da Fala e máis Manuel Antonio, “a soberanía estética” de Galiza “como un dereito”.

ARTIGO COMPLETO EN ORGULLO GALEGO

Arqueoloxía que pon freo á barbarie eólica. Como combater a invasión con ciencia

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario