A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA organiza unha marcha veciñal en defensa da auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve, en Celanova, onde unha empresa alemá pretende instalar un polígono eólico con máquindas de case 200 metros a menos dun quilómetro das primeiras vivendas.
STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA convocou a súa primeira acción para facer fronte á invasión eólica na Comarca de Celanova. O próximo 4 de setembro, sábado, terá lugar unha andaina até a Casa da Neve cun recorrido duns 10 quilómetros e tres horas de duración que transitará por algunhas das aldeas máis afectadas na área onde se pretenden instalar os aeroxeneradores. A marcha sairá da explanada da piscina de Celanova ás dez da mañá.
A I Marcha en defensa da auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve pretende concienciar á veciñanza dos valores ambientais, paisaxísticos e históricos da contorna da Casa da Neve e que pon en risco a invasión eólica. A andaina visitará lugares como os Pozos da Lagoa, a chaira de Amoroce ou a Moure, uns espazos que son fonte das augas das aldeas destas parroquias do sur do Concello de Celanova, as primeiras afectadas, tal e como recoñece a propia empresa promotora nun documento inicial do proxecto que pasa moi por riba destas cuestións.
O informe co que arranca a exposición pública dun proxecto xa en trámite asume que os enormes movementos de terras para a instalación das máquinas, así como as obras de vías de acceso, afectarán singularmente regatos e mananciais, ademais de que, unha vez instalados, os muíños xigantes, de case 200 metros, ocasionarán ruídos nas poboacións máis próximas, especialmente nas situadas ao oeste do polígono: Cigarrosa, Albos e Cardeo, pertencentes ao Concello de Verea.
A respecto do impacto paisaxísticos, a propia empresa recoñece que os aeroxeneradores serán visíbeis desde todos os concellos da Comarca de Celanova, e desde puntos de comarcas veciñas nun rango de máis de vinte quilómetros. Un estudo arqueolóxico municipal en Celanova advirte que a visibilidade das máquina rachará a relación do actual Mosteiro cos lugares primitivos fundacionais da vila.
Ese mesmo estudo arqueolóxico, advirte da presenza de varios elementos, desde mámoas (máis das que rexistra o informe da empresa), un castro, unha explotación mineira, as torres e o castelo do avó de San Rosendo que o documento inicial da empresa ignora, e que o arqueólogo considera “de gran importancia para a historia de Celanova e para o seu presente e futuro desenvolvemento socioeconómico”, e recomenda que se “teñan en conta, non só individualmente, senón dentro do conxunto do que forman parte”. | Celanova, 3 de agosto de 2021.