A praga eólica

“Non fuyades, cobardes y viles criaturas, que un solo caballero es el que os acomete.”
(Don Quijote)

Quérenos facer comulgar con “aspas” de muiño, e teñen tanta “jeta” que chegaron a dicir que os parques eólicos son un atractivo máis para os turistas emulando, supoño, aos muíños manchegos do Campo de Criptana que desde o século XVI campan pola meseta. Ata tivo que ser o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza quen sentenciara: “Grave afectación polo impacto visual e acústico”. E non esquezamos as subestacións e liñas de alta tensión para evacuar a electricidade.

Foi unha curiosidade aquel primeiro eucalipto que chegou da man de frai Rosendo Salvado hai 160 anos, e tamén a florida mimosa que chegou hai un século acompañando as obras do FFCC; “curiosidades australianas” convertidas hoxe en pragas, nun pesadelo invasor. Os parques eólicos poden -e deben- ter cabida, pero non en espazos protexidos ou zonas de posible ampliación da Rede Natura, cunha proliferación indiscriminada que acaba convertendo a singularidade en praga. No concello lucense de Muras xa teñen un muiño eólico por cada dous habitantes; en Ourense están a caer parques na Serra do Suído e no Faro de Avión, nos montes de Trevinca, o xigantesco de Rebordechao, o de Prada, ou a tiro de pedra, o do Monte da Neve, a escasos tres quilómetros de Celanova.

Cun obsoleto Plan Sectorial Eólico elaborado hai máis de vinte anos e cun Plan Director da Rede Natura 2000, damos aparencia de legalidade. Temos a lei e temos a trampa. Fraccionamos os grandes proxectos en parques eólicos máis pequenos para “sortear” a Declaración de Impacto Ambiental. Dividimos un parque de 150 megavatios e tres de 50 MW sabedores de este é o límite para que a autorización ambiental sexa autonómica en vez de estatal. É se fai falta, ata modificamos a normativa para facilitar aínda máis a súa implantación, como recolle a nova Lei de Reactivación Económica.

Unha vez máis, ás contraprestacións para o país son irrisorias. Non hai unha bonificación nos prezos -xa non digamos unha tarifa galega propia- que puidera resultar atractiva para posibles investimentos industriais que xeren emprego. Polo menos, aquel Concurso Eólico promovido desde o goberno polo BNG e anulado por Feijoo establecía unha participación pública do 14% no beneficio económico e a presenza no Consello de Administración, así como a execución dos Plans Industriais obrigatorios nas respectivas comarcas de implantación e unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual do 3% para os propietarios dos montes, en vez da calderilla de 2.500 euros por MW que ofertan hoxe aproveitando a debilidade social das nosas comunidades rurais. Pouco importa que o TSXG máis o Tribunal Supremo declararan ilegal aquela anulación con indemnizacións millonarias para as eléctricas por que, como di o outro, “xa foi”. O que podía ser, vaise co vento. Xosé Carballido | La Región. 12.03.2021

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario