Asemblea e primeiro comunicado (xullo 2021)

Veciñas e veciños das Terras de Celanova e das comarcas do Xurés decidimos unirnos e organizarnos para defender o noso territorio, as nosas aldeas e montes, contra a invasión eólica que afecta a todo o país e que aquí ameaza con instalar dous novos polígonos na zona de aproveitamento eólico do Vieiro, definida no Plan Eólico de Galiza e que afecta aos concellos de Bande, Verea, Celanova e Rairiz de Veiga; e tamén proxecta a instalación de catro novos polígonos nas zonas de aproveitamento eólico da Guioncha, Serra de Gomariz e San Martiño, nos concellos de Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar.

As veciñas e veciños creamos a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA diante da pasividade das Administracións Públicas, singularmente das administracións locais, fronte as ameazas que para a saúde das poboacións e do medio ambiente supoñen estas instalacións de explotación enerxética de maneira indiscriminada e sen admitir a participación da cidadanía directamente afectada nas decisións sobre os proxectos que fosen necesarios. Defenderémonos contra a imposición de polígonos eólicos que teñen como único obxectivo conseguir beneficios para corporacións estatais ou multinacionais.

Ademais das afeccións para o medio natural e a saúde das persoas, estes proxectos eólicos nas nosas comarcas poñen en perigo áreas de alto valor histórico e patrimonial, particularmente nos territorios do Couto Mixto e Celanova. Ademais, e en todos os casos, producirían impactos moi severos e irreparábeis á paisaxe. A día de hoxe sabemos tamén que os prometidos beneficios económicos en forma de recadación de impostos, compensacións a través de subvencións e potencial xeración de emprego non compensaron en ningunha experiencia anterior o principal efecto da instalación de máquinas aeroxeneradoras: o despoboamento do rural.

Xa o vivimos cos encoros, entre 1949 e 1989 o Val do Limia foi asolagado para lucro de empresas que só deixaron miseria e destrución no territorio.

Nas nosas comarcas, mobilizámonos fronte á invasión eólica tamén pola ameaza que supón contra a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, contra as zonas de Rede Natura e contra outras áreas que merecen protección e coidado. O territorio é o noso maior patrimonio, tamén o son a historia, a cultura, a paisaxe, a calidade de vida para as persoas e un medio natural san. Non ficaremos quietas mentres a avaricia das corporacións pon todo iso en risco.

Co fin de coordinarnos con outros colectivos que se enfrontan esta avalancha por todo o país, asumimos os principios do manifesto Aldeas con Horizonte así como os obxectivos e as bases da Rede Galega STOP Eólicos. E traballaremos para informarnos e informar a toda a veciñanza das nosas comarcas, e para que as autoridades que nos representan defendan o territorio e rexeiten estes proxectos. | BANDE, 23 de xullo de 2021.

AUTOCONVOCATORIA

LA REGIÓN. 17/07/2021

https://www.laregion.es/articulo/baixa-limia/alianza-comarca-parques-eolicos/202107162154581046721.html


ANTECEDENTES

X. B. Reza, na reportaxe en La Región a comezos de marzo de 2021.

“La piedra que no tiró Rosendo”

https://www.laregion.es/articulo/celanova/piedra-tiro-rosendo/202103192

“O BNG de Celanova pide paralizar o polígono eólico da Casa da Neve”

O BNG de Celanova pide paralizar o polígono eólico da Casa da Neve

La Voz de Galicia: “El BNG de Celanova pide catas arqueológicas en el área de Casa da Neve”

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2021/03/23/bng-celanova-pide-catas-arqueologicas-area-casa-da-neve/00031616526149797519505.htm


OURENSE DIXITAL: “El BNG reprocha al alcalde de Celanova que impulse un parque eólico a tres kilómetros de la villa”

(1 de febreiro de 2021)

https://bit.ly/3mTKgPM


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario